HomePontevedraBaixo MiñoA música atlántica fai escala no Rosal coa beleza do fado en...

A música atlántica fai escala no Rosal coa beleza do fado en galego

- Anuncio -spot_img

O Concello continúa co seu programa de Cultura polos barrios co concerto de Abril Fado Atlántico o 9 de xullo (21 h) na Escola Vella de San Miguel

Ao remate haberá a proxección de curtas da V Mostra de Cinema do Rosal. Actividades de balde

O Rosal prepárase para deixar que as melodías atlánticas acariñen as rúas. O vindeiro mércores 9 de xullo ás 21.00 horas a Escola Vella de San Miguel converterase nun auténtico porto musical coa chegada de Abril Fado Atlántico, unha formación que explora a beleza do fado desde unha perspectiva aberta, mesturando sons do Atlántico e dándolles voz en galego. Unha nova cita do programa Cultura polos barrios co que o Concello quere achegar espectáculos de calidade e totalmente gratuítos ás parroquias e rúas rosaleiras.

Abril Fado Atlántico é un proxecto nado en Ferrolterra no 2007, que reinterpreta o fado tradicional portugués sen perder a súa esencia, pero permitíndose tamén dialogar co tango, o chorinho brasileiro ou outras músicas atlánticas. A súa proposta sostense sempre sobre a instrumentación típica do fado, cun son que viaxa do saudade á celebración, agora presentado integramente en galego no seu segundo traballo discográfico, con arranxos e composicións de Daniel Adzemian, guitarrista arxentino e alma mater do proxecto. A formación complétase coa voz de Sara de Sousa, recoñecida pola súa interpretación do fado tradicional nos escenarios do norte de Portugal e autora de varias letras orixinais, e pola guitarrista clásica Iria Quintía, que completa o trío coa súa viola de fado.

“Para nós é unha prioridade que a cultura chegue a todos os barrios, que saia dos espazos habituais e se instale nos lugares onde vive a nosa xente, xerando vida, encontro e emoción compartida”, salientou a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís. A rexedora recalcou o convencemento do Concelllo de que “a cultura tamén constrúe comunidade, por iso convidamos a toda a veciñanza a gozar desta cita tan especial, pensada para todos os públicos”.

A xornada rematará coa proxección de curtas da V Mostra de Cinema do Rosal, nunha combinación perfecta de música, poesía e imaxes para gozar do verán e do talento atlántico. As actividades serán de balde.

Publicacións Relacionadas