A nova responsábel local do BNG, Sabela Bará Louro, márcase como obxectivo estender o BNG para chegar á maior cantidade de espazos e persoas

adminON
Lectura mínima de 3

Foi elexida por unanimidade Responsábel Local, con Anabel Gulías como  Vice-responsábel 

Sabela Bará é a nova responsábel do BNG en Pontevedra. Elexida por unanimidade, a nova  responsábel local encabezaba a única candidatura presentada, unha candidatura que, nas súas  palabras, “busca representar o conxunto da militancia, con presenza de persoas dos diferentes  barrios e parroquias, que participan en movementos sociais e culturais e tamén de distintas  idades. Combina persoas con moita experiencia dentro do BNG con outras que contan cunha  militancia máis recente, mais cunha participación activa e que dan o paso de implicarse no  traballo organizativo. É unha suma de diferentes perfís que pretende enriquecer o proxecto do  BNG”. 

A nova responsábel local agradeceu a todas as persoas que deron un paso adiante ao formar  parte deste proxecto, así como a todas aquelas que traballaron no último Consello Local,  comezando polo anterior responsábel, Demetrio Gómez, polo seu traballo nos últimos anos, nun  período complexo, marcado por “tantas convocatorias electorais”.  

Sabela Bará agradeceu o apoio da militancia e manifestou o “orgullo de poder presentar esta  candidatura e facelo nunha localidade na que o BNG leva máis de 25 anos no goberno. É unha  gran responsabilidade asumir os retos que temos por diante neste período, no que o grupo  municipal, o Consello Local e toda a militancia temos que camiñar da man para que o BNG  continúe a construír unha Pontevedra mellor”.  

Un dos obxectivos deste período, será “convocar e escoitar a militancia con maior frecuencia. A  militancia é o principal valor do BNG, somos os ollos, as orellas e as mans nos nosos barrios e  parroquias, nas asociacións e nos movementos sociais e culturais dos que participamos. E ese  gran valor ten que ser fundamental para apoiar todo o traballo que se desenvolve dende o  goberno municipal. Tamén para que o proxecto do BNG chegue a maior cantidade de espazos e  persoas posibles”.  

Para lograr unha maior operatividade, conformouse unha Executiva Local de seis persoas que  se encargará de coordinar o traballo máis inmediato e establecer unha liña de comunicación  continua co goberno municipal. 

Comparte este artigo