HomePontevedraA Oficina de Turismo bate récords de visitas neste 2025

A Oficina de Turismo bate récords de visitas neste 2025

- Anuncio -spot_img

Este ano foron atendidas 24.278 persoas. Incrementouse case un 50% o número de atencións respecto ao ano pasado, que xa era o ano coa cifra máis alta ata o momento. O traballo da oficina está acreditado polo selo de calidade turística do SICTED que outorga a Secretaría de Estado de Turismo.

A oficina de turismo pechou as súas portas a mediados deste mes de outubro con datos moi positivos que superan, con creces, os obtidos en anos anteriores.

Unha Oficina de Turismo que recibiu este ano máis visitantes ca nunca, que estivo aberta máis tempo ca nunca e que a calidade do servizo prestado está avalada pola rede Info RíasBaixas e polo SICTED.

En relación ao número de usuarios da oficina, este ano foron atendidas 24.278 persoas. Incrementouse case un 50% o número de atencións respecto ao ano pasado, que xa era o ano coa cifra máis alta ata o momento. A inmensa maioría das persoas que pasan pola Oficina son peregrinos e peregrinas que están facendo o Camiño de Santiago portugués.

A respecto da apertura, a oficina estivo aberta desde o 16 de abril ata o 14 de outubro. Iso supón que se abriu dous meses máis que o ano pasado, en que estivo aberta do 1 de xuño ao 30 de setembro, cubrindo a alta demanda que existe desde Semana Santa ata outubro por primeira vez na historia do servizo de atención turística do concello de Soutomaior.

A concelleira de Turismo dixo nesta xornada que “sabemos que o gran número de persoas que peregrinan a Santiago é unha oportunidade única para Soutomaior. Por iso traballamos todos os anos en mellorar o servizo e que aquelas persoas que nos visitan queiran volver: este ano, entre outras cousas, abrimos máis meses ca nunca, modernizamos o selo da oficina de turismo e repartimos unha postal artesá  que incluía os principais monumentos de Soutomaior”.

Compre lembrar que este espazo está dentro da rede de oficinas Info RíasBaixas, o cal lle permite ao Goberno Local, por exemplo, obter unha subvención de 7.000€ para contratación de persoal. Destacar tamén que o traballo da oficina está acreditado polo selo de calidade turística do SICTED que outorga a Secretaría de Estado de Turismo.

Como curiosidade, é interesante sinal que o perfil maioritario das persoas que pasan pola oficina de turismo son mulleres entre 35 e 60 anos que visitan a provincia por vez primeira facendo o Camiño. Nos meses de xullo e agosto, a maioría son de procedencia nacional (Madrid, Andalucía, C. Valenciana…), pero no resto de meses son, sobre todo, internacionais (EE.UU., Portugal, Alemaña…). Iso si, as nacionalidades son moi diversas, posto que se rexistran máis de 70 diferentes.

Publicacións Relacionadas