• A pesar do mal tempo, durante o mes de setembro preto dun cento de visitantes de Madrid, Euskadi, Asturias ou Cantabria, entre outros lugares, solicitaron asesoramento e información sobre lugares de interese, cun marcado protagonismo para espazos menos coñecidos como a Lagoa de Zó ou o Castro de Arcos
• O alcalde, Manuel Campos, recorda que este servizo, a diferencia do que sucede noutros concellos da provincia, está operativo durante todo o ano e que a saída da Rede de Oficinas de Turismo Rías Baixas non vai afectar de ningún xeito ao seu funcionamento diario
A Oficina Municipal de Turismo, emprazada no edificio da Casa da Cultura Roberto Blanco Torres, pechou a tempada estival prestando asesoramento a máis de 400 de persoas ao longo de todo o verán. Só en setembro foron preto dun cento os e as visitantes que se achegaron ata as instalacións municipais para recibir asesoramento sobre lugares de interese do municipio e da súa contorna. A estes usuarios e usuarias hai que sumar as máis de 160 e as aproximadamente 150 que tamén visitaron a oficina en xullo e agosto. Segundo os datos recollidos polo técnico de Turismo, a meirande parte destas visitas pertencen a persoas provintes doutras ciudades e Comunidades Autónomas de España, predominando sobre todo xente de Madrid e Euskadi. En setembro, ademais, tamén se incrementaron as interaccións con turistas doutros lugares do Norte da Península Ibérica, como Asturias ou Cantabria.
Estas máis de 90 persoas atendidas durante todo setembro supoñen unha cifra importante, máxime tendo en conta que o mal tempo empezou a ser protagonista durante as últimas dúas semanas do mes. Ademais de solicitar información sobre a oferta termal ou as rutas de sendeirismo, o Concello percibiu tamén entre os e as visitantes un maior interese por outros lugares menos coñecidos. Un exemplo é a Lagoa de Zó, de carácter estacionario e que, grazas ás abundantes chuvias recollidas ao longo do último mes, loce un aspecto espectacular. Este lugar, situado no alto do Monte Mesego, recibiu moitas visitas e forma parte do sendeiro que vai ata o Castro de Arcos. Neste sentido, o alcalde, Manuel Campos, lembra que esta ruta foi sinalizada hai pouco tempo e que “demostra que Cuntis conta cun gran número de recursos para atraer a turismo durante todo o ano”.
Ademais, Campos Velay confirmou que o feito de que estas dependencias deixen de formar parte da Rede de Oficinas de Turismo Rías Baixas da Deputación de Pontevedra non vai afectar de ningún xeito ao seu funcionamento. “Isto non vai supoñer ningún tipo de merma no servizo, que seguirá operativo durante todo o ano”, asegurou o alcalde de Cuntis, que recorda que a Oficina de Turismo de Cuntis é das poucas da contorna que se mantén aberta durante os doce meses do ano e non só de xeito puntual, como ocorre noutros concellos. “Vaise continuar ofrecendo toda a información e asesoramento sobre lugares de Cuntis e da periferia, como xa se facía antes de formar parte da rede de Rías Baixas. Imos continuar promocionando e dando visibilidade a Cuntis, prestando servizo a turistas e á propia veciñanza”, garantizou o alcalde socialista, que tamén puntualizou que foi o actual Goberno local quen puxo en marcha e consolidou definitvamente este servizo hai xa case unha década.