A Ostra ao natural e a gastro-experiencia OsTres aterrarán esta fin de semana na XXXVI Edición da Festa da Ostra

adminON
Lectura mínima de 4

Esta mañá o alcalde, Manu Lourenzo, e o concelleiro de Réxime Interior, Diego Moreira, presentaron en que consiste a gastro-experiencia OsTres e fixeron un adianto desta XXXVI edición da Festa da Ostra. Dende o Concello de Soutomaior agardan que se consuman máis de 100 mil ostras ao longo da fin de semana e que visiten o concello máis de 30 mil persoas.

O Concello de Soutomaior ultima todos os detalles para a celebración da XXXVI edición da Festa da Ostra. Nunha edición onde o prato estrela, como cada ano, será a ostra ao natural que poderá ser consumida a través de dous postos onde poder degustar este manxar do mar, pero é que ademais, neste ano todas as persoas que visiten a festa poderán desfrutar do OsTres, unha gastro-expeciencia con sabor a paisaxe e a mar. Nesta gastro experiencia as e os interesados terán a oportunidade de degustar a ostra cociñada con estes exquisitos pratos que se deberían degustar nesta orde: ostra mar e montaña sobre unha crema carbonara ibérica, ostra adobada en teriyaki sobre crema de aguacate e caviar de arenque e ovas de salmón e por último, ostra en escabeche tradicional. Uns pratos cociñados polo Calidus Catering que lidera o  veciño de Soutomaior Joaquín Lema.

O prezo da ración da ostra ao natural, dunha ducia de ostras, será de 10 euros e da gastro-experiencia OsTres tamén será o mesmo, 10 euros para degustar a ostra cociñada con eses tres preparados.

Todo isto refogado cos mellores caldos do concello como son os viños albariños de Soutomaior: Noelia Bebelia, María Vinyals e Cosecheros Reunidos. O prezo da botella será de 12 euros.

As casetas da festa abrirán o sábado, 5 de abril, a partir das 12:00 h. e ofrecerán ostras ao natural e un adianto do OsTres que se servirá ao mediodía. O domingo as casetas abrirán ás 11:00 h. e ofrecerán a ostra ao natural e a gastro – experiencia OsTres ao longo de toda a xornada.

Con todo, o alcalde considera que esta experiencia gastronómica “ten como obxectivo achegar novos formatos da ostra a unha cociña moderna que permita desfrutar da ostra noutras modalidades”. Pese a isto Manu Lourenzo ten claro “que a mellor experiencia da ostra e tomala e degustala ao natural co seu sabor a mar único en todo o seu esplendor e se ademais acompañamos a ostra cun viño de Soutomaior a experiencia será inigualable”.

Unha ostra que esta fin de semana terá en Arcade un prezo único no mercado onde poder desfrutar deste manxar.

Dende o goberno local animan a todo o mundo a vir e degustar o auténtico sabor da ostra da Arcade nesta XXXVI edición da Festa da Ostra onde se agarda que se vendan nesta fin de semana máis de 100 mil ostras e que máis de 30 mil persoas visiten o concello.

Comparte este artigo