HomePontevedraCaldasA piques de comezar as obras de mellora de servizos básicos no...

A piques de comezar as obras de mellora de servizos básicos no núcleo de Soutelo de Abaixo

- Anuncio -spot_img

A actuación conta cun orzamento que supera os 320.000 euros e un prazo de execución de catro meses, e se suma a outras obras de calado que se están acometendo ou que están en fase de tramitación para a mellora de saneamento e tratamento de residuais no rural

O alcalde, Jacobo Pérez, explicou que o Goberno local enviou cartas informativas ás persoas residentes no lugar para explicarlles os detalles desta obra, financiada a través de fondos provinciais

O alcalde de Caldas de Reis, Jacobo Pérez, e o concelleiro de Medio Ambiente, Juan Carlos Ortigueira, veñen de visitar o lugar no que nos vindeiros días dará comezo a obra para a mellora do saneamento de residuais no núcleo de Soutelo de Abaixo, pertencente á parroquia de Saiar. O comezo dos traballos é inminente, tal e como explicou o propio rexedor, que lembrou que a actuación conta cun prazo de execución de catro meses. Polo tanto, de non producirse ningún imprevisto, os novos servizos estarán operativos ao longo do vindeiro outono.

Nos últimos días, o Goberno local remitiu unha carta informativa ás persoas residentes da contorna, na que informa do inicio dos traballos.

Cómpre recordar que a empresa adxudicataria é Excavaciones y Construcciones Pérez Portela Sociedad Limitada. O orzamento previsto ascende a un total de 327.688,42 euros, IVE engadido. O proxecto finánciase a través do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra, correspondente á convocatoria de 2024. Na carta remitida á veciñanza de Soutelo de Abaixo, o Concello agradece a “comprensión e colaboración” ante as posibles molestias que poidan ocasionar estas obras e anima ás persoas que o precisen a solicitar máis información sobre o proxecto na Alcaldía para resolver calquera dúbida. Nesta primeira fase, a obra contempla a ampliación da rede de recollida de augas residuais, para poder dirixilas á EDAR. Os servizos básicos continuarán extendéndose en fases posteriores.

Tal e como lembrou Pérez Gulín, o Concello de Caldas ten en marcha varios proxectos encamiñados a mellorar, potenciar e extender a rede de servizos básicos no rural do municipio, cumprindo así cun dos grandes obxectivos marcados neste mandato. Todas as actuacións que xa están iniciadas ou en tramitación suman un orzamento que supera o millón euros. Neste sentido, o alcalde lembra que avanzan a bo ritmo as obras de mellora do saneamento na contorna da Igrexa de Saiar.

Ademais, tamén está activada a licitación da ampliación da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) en Baltar, ao que se engaden actuacións por valor de 600.000 euros en San Clemente, con fondos provinciais. Por último, o Concello tamén proxecta habilitar unha nova depuradora en Carracedo, investindo 270.000 euros do Remantente de Tesourería correspondente ao exercicio económico de 2024.
“Todas estas actuacións potencian o noso rural e garanten unha maior calidade de vida, con mellores servizos, para a nosa veciñanza”, conclúe Jacobo Pérez. O alcalde tamén supervisou este luns o comezo dos traballos de mellora de varias pistas do rural. Trátase dun ‘zafarrancho’ que se activa para bachear diferentes vías nas parroquias, de titularidade municipal. Estas actuacións forman parte dos traballos de mantemento que o Concello realiza de xeito regular en zonas rurais.

Publicacións Relacionadas