Secunda a manifestación convocada por SOS Sanidade Pública para o vindeiro 4 de febreiro en Santiago de Compostela
A Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública denuncia novamente a precariedade e as deficiencias no servizo de atención primaria do centro de saúde rosaleiro. A pesar de que hai máis dun ano que se creou a cuarta praza para persoal médico reivindicada pola plataforma, na actualidade esta praza segue sen estar cuberta, polo que continúan a ser tres as médicas coas que conta o centro de saúde. Isto provoca que deban atender a entre 40 e 5o pacientes ao día, “o que ademais de ser unha cifra inaceptable non impide que a demora para obter unha cita de atención primaria sexa agora mesmo de sete días”.
Mentres, o consultorio de San Miguel permanece pechado, non se cubre a cuarta praza de facultativo/a e seguen sen cubrirse nin as baixas nin as vacacións, polo que é moi frecuente que o centro de saúde conte soamente con dous ou incluso en moitas ocasións cunha soa médica para atender a máis de 6.000 persoas.
Estas non son as únicas deficiencias que presenta o servizo, en constante e progresivo desmantelamento por parte do Sergas. A pediatra leva máis de dous meses de baixa sen que se teña cuberto a súa ausencia, polo que os nenos e nenas do Rosal teñen que ser atendidos por médicos de adultos e, de xeito esporádico, no centro de saúde da Guarda pola tarde. Por outro lado, o Sergas segue sen crear a demandada praza de enfermería de pediatría, o que non fai máis que agravar a deficiencia do servizo de atención primaria.
Por todo isto, a Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública do Rosal secunda a manifestación convocada por SOS Sanidade Pública o vindeiro domingo 4 de febreiro ás 12.00 horas en Santiago de Compostela para denunciar a situación límite que vive a atención primaria en Galicia.

