A Policía Local de Mos vén de poñer en marcha a súa unidade especializada en violencia de xénero, que xa está a ofrecer seguimento e protección ás dúas primeiras vítimas asignadas a través do sistema VioGén.
Este servizo materializa a incorporación de Mos a este programa estatal de protección integral fronte á violencia de xénero, que se formalizou no mes de novembro, e que agora comeza a aplicarse de maneira efectiva no municipio.
A unidade de VioGén en Mos está coordinada polo actual xefe en funcións da Policía Local de Mos Víctor Diz e integrada por dous axentes máis. O seu labor céntrase na atención e seguimento das vítimas derivadas a través da coordinación coa Garda Civil, reforzando así a cobertura e a proximidade na resposta. Ademais, traballa en conexión directa co Centro de Información á Muller (CIM) de Mos, co obxectivo de garantir unha atención integral que combine a protección policial coa atención psicolóxica, xurídica e social.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, subliñou que “este paso é fundamental porque dá seguridade real ás vítimas e ás súas familias, e reforza o compromiso do Concello de Mos de non dar nin un paso atrás na loita contra a violencia machista”.
Tamén destacou que “a coordinación entre corpos de seguridade e recursos municipais é clave para actuar con eficacia e ofrecer unha resposta global que dea confianza ás mulleres que denuncian”.
A vindeira Mesa Local contra a Violencia de Xénero, prevista para o próximo mes de novembro, servirá para facer una avaliación das mesas de traballo coordinadas celebradas ao longo do ano, e se aportarán técnicas para a mellora e continuación do traballo realizado nelas.
Con estes avances, Mos dá un paso máis na loita contra a violencia machista, fortalecendo a protección das vítimas e consolidando unha rede local de prevención, sensibilización e apoio.