HomeVigoMosA Policía Local de Mos pon en marcha unha iniciativa formativa nos...

A Policía Local de Mos pon en marcha unha iniciativa formativa nos centros escolares dentro do seu Plan Integral de Seguridade Viaria

- Anuncio -spot_img

A Policía Local de Mos, en colaboración coa Concellería de Educación e Participación Cidadá, vén de poñer en marcha unha iniciativa formativa dentro do seu Plan Integral de Seguridade Viaria destinada a todo o alumnado dos centros educativos do municipio. Trátase dunha proposta didáctica e preventiva que busca fomentar unha mobilidade segura, responsable e respectuosa entre os máis novos, adaptando os contidos ás diferentes etapas educativas.

A primeira das sesións celebrarase o 11 de novembro, e as charlas estarán dispoñibles para todos os centros escolares que desexen participar.

No caso de Educación Primaria, as actividades —cunha duración aproximada de 60 minutos— están dirixidas ao alumnado de 4º ou 5º curso, idades nas que comezan a desprazarse con maior independencia, polo que resulta clave que coñezan as normas básicas de seguridade viaria tanto como peóns, pasaxeiros ou futuros condutores.

As sesións procuran desenvolver hábitos seguros e responsables, promover o respecto, a convivencia e a tolerancia, e previr accidentes mediante o coñecemento das sinais de tráfico, o fomento de condutas prudentes e a autonomía na toma de decisións.

Pola súa banda, a unidade didáctica para Secundaria céntrase nunha etapa vital para a adquisición de hábitos de mobilidade segura e para a prevención de condutas de risco, como o consumo de alcohol e outras substancias. A combinación de educación viaria e prevención axuda a reducir accidentes, mellorar a saúde e fomentar unha cidadanía consciente e responsable.

Entre os obxectivos principais destas sesións atópanse: coñecer as normas básicas de circulación peonil, ciclista e de vehículos, potenciar a mobilidade segura en ámbitos urbanos e interurbanos, analizar os riscos asociados ao consumo de alcohol e drogas e a súa relación cos accidentes de tráfico, desenvolver habilidades de toma de decisións seguras e autónomas, fomentar valores de solidariedade, respecto, responsabilidade e prudencia, formar ao alumnado como cidadáns responsables e conscientes dos seus dereitos e deberes.

Con esta iniciativa, a Policía Local de Mos continúa apostando pola educación en valores, a seguridade e a prevención, reforzando a formación da mocidade e a construción dun municipio máis seguro e cívico.

Publicacións Relacionadas