O campamento municipal “Mañás de Verán” recibiu esta mañá unha visita moi especial: tres vehículos patrulla da Policía Local de Mos e tres axentes que, máis aló do seu uniforme, chegaron co obxectivo de achegarse aos nenos e nenas de maneira didáctica e divertida. A esa visita tamén asistiu a concelleira de Educación Julia Loureiro.
A actividade enmárcase dentro do programa de proximidade da Policía Local cos máis pequenos, unha iniciativa coa que se pretende que a infancia mosense coñeza de primeira man o labor dos corpos de seguridade, perda posibles medos e aprenda valores de respecto, colaboración e responsabilidade cidadá.
Durante a xornada, os nenos e nenas puideron ver de preto os vehículos policiais, soar as sirenas, probarse chalecos reflectores e descubrir como funcionan as luces de emerxencia, convertendo o patio do campamento nun pequeno cuartel improvisado cheo de curiosidade e ilusión. Os axentes, ademais, responderon a todas as preguntas e ofreceron consellos de seguridade viaria e convivencia, adaptados á idade dos participantes.
“Para nós é fundamental que os máis pequenos nos vexan como aliados, como persoas próximas ás que poden acudir sempre que o necesiten”, explicaron os policías locais, que destacaron o ambiente de entusiasmo vivido cos rapaces e rapazas.
O campamento “Mañas de Verán”, que cada ano reúne a centos de rapaces e rapazas do municipio con actividades educativas e lúdicas, converteuse hoxe nun espazo onde a aprendizaxe e a diversión se uniron ao ritmo das luces azuis, as sereas e os uniformes.

