A Policía lembra que estas prazas están reservadas para as persoas que teñen tarxetas autorizadas e advirte de que fai controis periódicos para comprobar o uso legal destas prazas na cidade. En tres semanas detectaron catro casos, todos eles de condutores de fóra de Pontevedra.
A Policía Local de Pontevedra detectou nas últimas tres semanas catro usos fraudulentos das prazas de estacionamento reservadas para persoas con mobilidade reducida. Recorda que estas prazas teñen uns usuarios moi concretos: todas as persoas que dispoñen da tarxeta autorizada. Ante o incremento de usos fraudulentos -os catro últimos de condutores de concellos veciños-, lembra que fai controis periódicos delas e tramita as denuncias administrativas pertinentes, ademais de incautar a tarxeta coa que se fixo a fraude.
A última intervención foi o pasado 4 de novembro, cando a Policía Local recibiu queixas veciñais de que unha praza de mobilidade reducida da rúa Xerardo Álvarez Limeses estaba sendo empregada por un condutor que non tiña tarxeta autorizada.
Sobre as 16.45 horas, os axentes localizaron o coche e requiriron ao seu condutor a tarxeta. El recoñeceu que non era o titular senón un familiar, e esta persoa estaba ingresada no Hospital provincial dende había uns días. Polo tanto, o titular da tarxeta non a estaba empregando nese momento.
Os axentes denunciárono por uso fraudulento da tarxeta de estacionamento para persoas con mobilidade reducida e intervíronlla.
A tarxeta fora expedida polo Concello de Poio.
O pasado 1 de novembro, sobre as oito e media da mañá, a Policía Local localizou un vehículo estacionando nunha praza de estacionamento para vehículos de mobilidade reducida na rúa Irmáns Sobrino Buhigas. No interior había dous mozos “ebrios” que dixeron que estaban alí estacionados agardando que se lles baixara o alcohol para conducir. No parabrisas do coche estaba colocada unha tarxeta de mobilidade reducida a nome da avoa do condutor. El mesmo confirmou que a súa avoa estaba en Sanxenxo e que era el quen facía uso dela nese momento.
O condutor foi denunciado por uso fraudulento da tarxeta e procedeu a súa incautación. A tarxeta fora expedida polo Concello de Sanxenxo.
O 23 de outubro os axentes da Policía Local localizaron nunha praza de mobilidade reducida da rúa Xerardo Álvarez Limeses un vehículo estacionado cunha tarxeta caducada no seu parabrisas, xa que tiña validez até setembro de 2024. Os axentes fixeron a preceptiva denuncia e retiraron o vehículo co guindastre municipal.
Cando a súa condutora se achegou a retirar o vehículo do parque do guindastre, recoñeceu que esquecera de solicitar a renovación da tarxeta, que foi intervida.
A tarxeta estaba expedida polo Concello de Poio.
E o 17 de outubro, sobre as 16.44 horas, a Policía local detectou como unha condutora se achegaba a un vehículo aparcado nunha praza de estacionamento de mobilidade reducida na avenida do Uruguai. O coche tiña unha tarxeta de autorización no salpicadeiro pero estaba a nome doutra persoa que estaba falecida dende 2022.
Os axentes tramitaron a pertinente denuncia por fraude e incautaron a tarxeta.
A tarxeta fóra expedida polo Concello de Sanxenxo.