O BNG denuncia que as subas contempladas polo Goberno do PP farán que o IBI e a ‘viñeta’ pasen a ser dous dos recibos máis elevados de toda a comarca de Salnés e de concellos periféricos
O voceiro nacionalista, Fran Leiro, carga contra o alcalde por “mentir de xeito descarado á veciñanza” e acúsao de aumentar os impostos logo de que os soldos do PP aumentasen nun 18%, e menos de tres meses despois de anunciar unha redución das taxas
O grupo municipal do BNG de Sanxenxo critica duramente a suba de impostos que vai acometer o Goberno de Telmo Martín, no que é un novo capítulo dentro da súa política especuladora e de ladrillo, que traerá como consecuencia un forte impacto ao peto dos veciños e veciñas de Sanxenxo. O BNG advirte de que o incremento do Imposto de Bens Inmobles (IBI) e o de Vehículos de Tracción Mecánica (coñecido coma ‘viñeta’) convertirán
estes dous recibos nos máis elevados da contorna. Así o avisa o voceiro nacionalista, Fran Leiro, que, no caso do IBI, apunta que ese 0,48 (actualmente atópase no 0,40) pasará a estar entre os máis elevados da provincia de Pontevedra. “Co engadido, ademais, de que é unha taxa que se aplica sobre o valor dos inmobles, que actualmente teñen un índice moi elevado, froito da especulación urbanística que abandera o señor Martín”, engade Leiro.
Non menos sangrante resulta o caso da ‘viñeta’, que coa suba do PP pasa a ser a segunda máis cara de toda a comarca do Salnés para vehículos de 8 a 11,99 cabalos fiscais (50,01 euros a partires de que se aplique o incremento) e de 12 a 15,99 (105,75 euros). Só Vilagarcía supera estes rexistros, que son máis elevados que outros concellos colindantes como Poio (42 e 88 euros, respectivamente) ou cunha maior poboación, como Lalín (34,08 e 81,29 euros) ou Marín (47,71 e 100,72 euros).
Un incremento xusto despois da subida de soldos
Ao BNG non se lle escapa que esta medida chega pouco despois de que o Goberno local decidise incrementar os seus soldos nun 18%. “É curioso que esta suba chegue xusto despois de que os salarios do equipo do señor Martín pasen a ser máis elevados”, incidiu.
O BNG tamén amosa o seu malestar co Goberno de Telmo Martín por mentir “de xeito flagrante e descarado” á cidadanía. “Non pasaron nin tres meses desde que o señor Martín vendeu como eixo principal da súa campaña a baixada de impostos e agora dedícase a subilos, nun momento no que a situación económica é complexa. É unha falta de respecto á veciñanza, que se ve na obriga de soportar a política de especulación e ladrillo do PP, cun Telmo Martín que só sabe aumentarse o soldo e os impostos”, concluíu Fran Leiro.



