O Concello de Ponteareas acolleu a presentación das dúas probas do XXI Circuíto Galego Arzúa Ulloa de Augas Abertas: a IX Travesía Vila do Tea, que terá lugar en Ponteareas o 2 de agosto e o I Descenso a Nado, en Salvaterra do Miño, o 23 de agosto.
Na rolda de prensa participaron o concelleiro de Deportes de Ponteareas, Nicolás Rodríguez; o concelleiro de Deportes de Salvaterra, Edgar Martínez; o presidente do Club Natación Ponteareas, Andrés Carrera; o vocal da Federación Galega de Natación, Santi Escudero; o comandante naval do Miño, Víctor García; o xerente DOP Arzúa-Ulloa, Óscar Pérez; a directora Deportes da Deputación de Pontevedra, Xixela Aranda; e a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro.
Nicolás Rodríguez explicou que “no caso da Travesía Vila do Tea, falamos dunha proba xa consolidada que, un ano máis, converterá a nosa vila nun punto de encontro para centos de nadadores e nadadoras de todas as idades, con distancias adaptadas a cada nivel: desde os 100 metros para prebenxamíns, ata os 3600 metros das categorías elite e máster. É unha proba con carácter popular pero tamén competitivo, pois está incluída tanto no XXI Circuíto Galego de Augas Abertas, como na X Copa de España Open. Queremos agradecer moi especialmente ao Club Natación Ponteareas o seu traballo impecable na organización e á Federación Galega de Natación e a todos os colaboradores pola súa implicación. Para nós, como concello, é un orgullo seguir acollendo unha proba que combina deporte, natureza e valores como a inclusión”.
O presidente do Club Natación Ponteareas destacou que “sen a familia que hai detrás do club, non sería posible organizar estes eventos. Os e as voluntarias son as que fan que os eventos que facemos en Ponteareas sexan especiais e é moi digno de admirar. É moi importante que as administracións nos apoien. Temos una actividade de base constante durante os 365 días do ano e estes eventos son os que máis visibilidade nos dan para conseguir patrocinadores. Ponteareas ten unha fortaleza: non só temos un núcleo de 23.000 habitantes, se non que moitos concellos de arredor non contan coas nosas instalacións e veñen aquí para desfrutar deste deporte. E iso tamén é gracias á colaboración do Concello e do resto das institucións”.
A directora de Deportes da Deputación de Pontevedra confesou que “o noso obxectivo é poñer á provincia no centro da organización de eventos deportivos.
Témolo todo: espazos naturais, deportistas admirables e clubs, federacións, concellos e institucións ás que queremos apoiar, non só a través das subvencións, tamén dándolle visibilidade real. Felicito ao Club Natación Ponteareas por este traballo e animo a todo o mundo a que se inscriba nestas dúas probas e que os afeccionados se acheguen a vivilas e a desfrutar de todo o que as rodea”.
Nava Castro detallou que “dende o Concello estamos encantados de acoller, un ano máis unha proba que forma parte da identidade deportiva e social da nosa vila. E iso é froito do compromiso, do traballo en rede e do amor polo deporte. Quero felicitar ao club por apostar por competicións que rompen co tradicional, como esta de augas aberta, o que nos permite como Concello é posicionarnos como destino de turismo deportivo e ensinar unha paraxe espectacular. Queremos seguir sendo unha vila referente no deporte, e eventos como este demostran que o estamos conseguindo.
Grazas pola vosa confianza en Ponteareas. Desexámosvos a todas e todos unha excelente tempada de augas abertas, e vémonos o 2 de agosto no Tea!”.
As inscricións continúan abertas e realizaranse a través da plataforma www.championchipnorte.com.

