• Na iniciativa, que forma parte da campaña ‘Herdanza Mater: RE-MAR’ participarán integrantes da Asociación Amicos e estudantes de diferentes centros educativos do municipio
• A cita, que cumpre cos valores da campaña Poio en Verde impulsada desde as áreas de Medio Ambiente, Deportes e Educación, será o 20 de abril e busca consolidar a preservación ambiental, ao tempo que se busca facilitar a integración na sociedade das persoas que padecen algún tipo de discapacidade
As concelleiras nacionalistas responsables das áreas de Educación e Deportes, Raquel Rodríguez e Marga Caldas, deron a coñecer os detalles da ‘Herdanza Mater: RE-MAR’, unha iniciativa que chega a Poio en favor da conservación da natureza en espazos protexidos, que tamén busca poñer dar visibilidade e poñer en valor o labor, as aptitudes e a capacidade de persoas que padecen algún tipo de discapacidade, de maneira que “poidamos demostrar que todas elas poden integrarse na sociedade e realizar un proxecto de vida completo”.
En concreto, a actividade pertencente a este programa consistirá na recollida de residuos plásticos na praia de Cabeceira, en Lourido, na que participarán alumnos e alumnos de diferentes centros educativos do municipio, así como membros da propia Asociación Amicos.
A cita será o vindeiro 20 de abril, a partires das 11.00 horas, e servirá para conmemorar o Día Internacional da Terra. Os dirixentes municipais lembraron que esta iniciativa dá continuidade á colaboración existente entre o Concello e este colectivo.
Cómpre lembrar que en maio do ano pasado a Administración local e a asociación asinaron un convenio para impulsar iniciativas que favorezan ás persoas discapacitadas, ao tempo que supoñen tamén un beneficio a prol das boas prácticas medioambientais, a recuperación de zonas verdes e a concienciación escolar e educativa. Son todos eles valores que encaixan dentro da filosofía consolidada a través da campaña Poio en Verde, creada neste mandato a través destes departamentos, xunto ao de Medio Ambiente, tal e como lembraron as concelleiras do Goberno local, que estiveron acompañadas por responsables de Amicos na presentación da actividade. “Temos claro que a inclusión social, ao igual que o coidado e o respecto polo medio ambiente, deben ser motores de cambio na nosa sociedade”, indicaron.
Baixo o lema ‘a terra non é empréstamo dos nosos pais, senón herdanza dos nosos fillos’, o programa ‘Herdanza Mater: RE-MAR’ quere, con esta cita en Cabeceira, mellorar o estado de conservación do emblemático areal, que desde hai xa varios anos loce todos os veráns a Bandeira Azul como distintivo de calidade, consolidando o enclave como un “referente verde”. A iniciativa dividirase en tres partes. A primeira consistirá nun estudo da zona, a través do cal analízanse cuestións como o tipo de residuos existentes, a accesibilidade e a catalogación das zonas de actuación. Posteriormente, procederase á retirada de plásticos para, finalmente, promover a sensibilización e concienciación ambiental a través do xogo ‘RE-MAR’.
Raquel Rodríguez e Marga Caldas subliñan que o compromiso do Concello a “continuar promovendo e xerando novas oportunidades para que as persoas con discapacidade poidan integrarse na sociedade e realizar un proxecto de vida completo”.
Amicos contribúe a xerar oportunidades e ofrecer apoios aos proxectos de vida das persoas con discapacidade intelectual, con trastornos do espectro autista,con parálise cerebral,e ás súas familias. Traballa para conseguir a inclusión decada persoa como cidadán de pleno dereito e promove a construción dunha comunidade diversa con conciencia ambiental e respectuosa co seupatrimonio e cultura.
Ao longo deste ano o colectivo desenvolverá a súa actividade cun modelo de intervención en o que as persoas, familias e a comunidade ocupan o centro, e contará con persoas, medios, recursos económicos e alianzas para o seu desenvolvemento efectivo. A sustentabilidade é un dos seus eixos vertebradores que fixa criterios para participar activamente na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030, con diversas liñas de actuación, entre as que se atopa o programa Herdanza Mater: RE-MAR.



