HomePontevedraA Praza do Concello acollerá a décimo quinta edición do Outubrofest os...

A Praza do Concello acollerá a décimo quinta edición do Outubrofest os días 30 de outubro, 1 e 2 de novembro

- Anuncio -spot_img

O evento do Pontevedra Rugby Club festexará tres días con espazo gastronómico con produto galego ao estilo bávaro, música en vivo e festa de Samaín para as crianzas na Praza do Concello.

O acto inaugural será mañá ás 13.00 da tarde, coincidindo cos quince anos da celebración

O Concello de Pontevedra presentou hoxe o programa do Outubrofest 2025, o evento anual que organiza o Pontevedra Rugby Club no que colabora o Concello de Pontevedra a través da área de Promoción Económica. Outubrofest celebrarase na Praza do Concello a partir de mañá, xoves 30 de outubro, ao domingo 2 de novembro, con horario de 12.00 a 24.00 horas e todo o recadado destinarase a financiar as súas actividades sociodeportivas.

A edil de Promoción Económica, Anabel Gulías, presentou a nova edición da festa xunto co presidente do Pontevedra Rugby Club, Alberto Fernández Aboal. A concelleira destacou que “ao Concello de Pontevedra gústalle moito colaborar cunha iniciativa coma o Outubrofest, que non só aúna os valores do deporte e o fai en espazos abertos a todos e todas da cidade, senón que pon en valor un deporte de equipo que conta con categorías de varias idades e tanto mixtas como masculinas e femininas”.

A novidade é que se manteñen os prezos dos últimos anos para unha actividade familiar que seguirá sendo a un prezo popular: “Queremos dende o mundo do deporte contribuir a dinamizar a cidade grazas á carpa que estará chea de sorpresas. É un deporte que cada vez que te achegas a velas e velos, engancha. A xente descobre unha forma de conectar con máis xente e ademais ten das mulleres máis bravas na competición polo que fan no campo e tamén, fóra”, recalcou Gulías.

A inauguración será mañá, xoves 30 de outubro, coincidindo co décimo quinto aniversario. A carpa abrirá ás 12.30 horas e ás 13.00 será o acto inaugural. O espazo gastronómico e cervexeiro permanecerá aberto ata as 23.30.

O venres 31 de outubro, coincidindo co Samaín, a carpa e o espazo gastronómico ofrecerán produto galego como salchichas, codillo do forno de leña da Santiña e outros pratos típicos bávaros xunto con distintos tipos de cervexas, opcións de comida vegana e música en vivo. A partir das 17.00 celebrarase un obradoiro de cabazas para crianzas, que deberán ir acompañadas dunha persoa adulta. A partir das 20.30 haberá concurso de disfraces e sesión musical temática de Samaín ata peche.

O sábado 1 de novembro será o día grande cunha sesión vermú a cargo do colectivo Dirty Old Town, que acompañará con música e ambiente festivo. Entre as 20.00 e as 23.30, o espazo gastronómico e cervexeiro acollerá música de festa ata peche.

Finalmente, o domingo 2 de novembro celebrarase o acto de clausura. A carpa abrirá ás 12.00 horas e, ás 13.00, farase entrega da tradicional salchicha xigante e do Premio “Máis que Rugby”, que recoñece o traballo dun club local pola súa labor coa base. A partir das 17.00 haberá unha subasta popular de roupa e material deportivo e ás 21.00 será a clausura oficial.

Publicacións Relacionadas