HomeO MorrazoBueuA praza do concello de Bueu acolleu "As voces do futuro", a...

A praza do concello de Bueu acolleu “As voces do futuro”, a declaración do CEIP A Pedra polo Día Internacional das mulleres

- Anuncio -spot_img
  • O alumnado de 6º de primaria do colexio bueués leu a declaración institucional preparada con motivo desta efeméride
  • Félix Juncal, alcalde da vila, salientou que “temos unha xeración de mozos e mozas que vai interiorizando eses valores tan importantes das persoas, o que non está exento de desafíos”

A Praza do Concello acolleu este venres, 6 de marzo, o acto institucional do Concello de Bueu con motivo do Día Internacional das Mulleres, e no cal foron protagonistas os rapaces e rapazas de 6º de primaria do CEIP Plurilingüe A Pedra e no que participaron tamén o alcalde, concelleiros e concelleiras, persoal municipal e cidadanía en xeral.

O acto comezou ás 12 horas coa intervención de Félix Juncal, alcalde da vila, quen salientou que “todos os anos debemos aproveitar as efemérides para seguir insistindo nesa idea central da igualdade, esa idea que se referenda co traballo dos centros educativos”, pois “temos unha xeración de mozos e mozas que vai interiorizando eses valores tan importantes das persoas, o que non está exento de desafíos, xa que cada vez que damos un paso para adiante parece que retrocedemos”. Juncal agradeceu o traballo e a concienciación dos centros educativos e desexou que “todas as persoas debemos ter os mesmos dereitos e deberes”.

A continuación foi a quenda da lectura da declaración “As voces do Futuro” na que o alumnado reivindicou algunhas demandas para esta data, como “que lembramos a todas as mulleres que tiveron que loitar polos dereitos que agora nos parecen básicos: estudar, traballar, votar decidir… pois nós somos as voces do futuro e o futuro empeza hoxe”.  Entre as demandas e peticións, os nenos e nenas foron pedindo que “en todos os países haxa igualdade, que teñan os mesmos dereitos todas as persoas”, “que se deixen de asociar determinadas cores dende que nace un bebé, as cores son para todos iguais” ou “que homes e mulleres sexan tratados por igual cando deciden participar nun deporte”.

Máis actividades polo Día Internacional das Mulleres

Pola tarde, a Sala Multiusos do Centro Social do Mar acollerá este venres ás 20 horas a IX Homenaxe Bueuesa Senlleira, que organiza o Club Golfiños e na que este ano se recoñecerá a Eva Bastón Graña, que traballa na recuperación de sementes antigas e fai pan no seu obradoiro con levedación adecuada.

O domingo 8 de marzo, ás 18.30 horas, celebrarase no salón de plenos do Concello á homenaxe ás mulleres cociñeiras de Bueu no marco das IV Xornadas Gastronómicas En Feminino Bueu; e despois, ás 19.30 horas, terá lugar no Centro Social do Mar a Gala da Muller organizada pola Asociación de Mulleres Rurais Mar e Agro.

O 12 de marzo desenvolverase a Xornada de Formación da Comisión de Instrución de Denuncias de Acoso entre as 11 e as 14 horas no salón de plenos do Concello, con Paz Filgueira, Maxistrada de Violencia de Xénero. A sesión vai dirixida aos membros da Comisión de Instrución de denuncias de acoso e nela trataranse os criterios para a validación de denuncias e filtro de queixas, a tramitación do expediente e medidas cautelares.

Como xa é habitual, o Cineclub Bueu proxectará o venres 13 de marzo un filme con perspectiva feminista. Nesta ocasión será Sempre nos quedará mañá, de Paola Cortellesi, e poderase ver ás 21 horas con entrada de balde no Centro Social do Mar. O filme desenvólvese nunha primavera na que toda unha familia está alborotada polo inminente compromiso da filla maior, Marcella, quen pola súa parte só espera casar rapidamente cun mozo simpático de clase media, Giulio, e librarse por fin da súa incómoda familia.

Publicacións Relacionadas