O Concello conmemora dez anos desde a recuperación deste espazo público para as persoas que supuxo o inicio dun modelo que se trasladou ás parroquias para seguir mellorando a calidade de vida da veciñanza
Hai dez anos a Praza do Seixo iniciaba un proceso de transformación que mudaría para sempre o corazón de Tomiño. O seu redeseño converteuna nun espazo libre de vehículos, seguro, ben iluminado e pensado para que nenos e nenas, familias e persoas maiores puideran gozar dun lugar de encontro e convivencia sen perigos. Desde entón, o modelo de vila evolucionou, transformando non só o núcleo central senón tamén rúas contiguas e o Campo da Feiara, consolidando un Tomiño máis humano, verde e sostible.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destaca que “a reforma da Praza do Seixo non foi só unha obra de urbanismo, foi o inicio dunha filosofía que continúa hoxe: recuperar espazos públicos para as persoas, mellorar a calidade de vida e fomentar a interacción social. Dez anos despois seguimos aprendendo e mellorando e o éxito deste proxecto inspírase en cada nova praza ou rúa que renovamos”.
Este modelo non quedou limitado ao núcleo de Tomiño. Núcleos urbanos como Goián, coa Praza Pintor Antonio Fernández e a Avenida Ordóñez, tamén se sumaron a esta filosofía, converténdose en lugares de encontro e actividade comunitaria. As parroquias do concello non quedaron atrás: Currás, Amorín, Taborda, San Salvador, Vilameán, Figueirón, Estás, entre outras, contan hoxe con espazos públicos renovados, accesibles e vivos, e a vindeira intervención en Santa María de Tebra promete estender esta experiencia de proximidade e calidade de vida á súa veciñanza.
“Recuperar espazos públicos non significa só facer obras, senón crear vida, fomentar a comunidade e darlle prioridade ás persoas”, engade a rexedora, que salienta que “o noso obxectivo é continuar facendo de Tomiño unha vila onde convivir, pasear e compartir momentos sexa unha experiencia agradable para todos e todas”.
Ao longo desta década, o proxecto de humanización da vila converteuse nun exemplo de urbanismo centrado nas persoas, no que a accesibilidade, a seguridade e a sostibilidade son os piares que guían as actuacións presentes e futuras do Concello.



