O Concello prepara unha programación con 40 actividades entre febreiro e xuño na que a música, literatura, formación e igualdade serán algúns dos grandes protagonistas
Máis de medio milleiro de horas de cultura, formación e encontro están a piques de encher de vida os espazos públicos de Tomiño. O Concello presenta unha ambiciosa programación de primavera con 40 actividades que se desenvolverán entre febreiro e xuño, consolidando estes meses como unha etapas dinámica chea de vida.
A música, a maxia, os obradoiros, os contacontos, a literatura e as propostas arredor da igualdade artellan unha axenda pensada para todos os públicos e idades, combinando lecer e aprendizaxe nunha oferta diversa e participativa.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou que “esta programación é unha mostra do compromiso do Concello cunha cultura viva, accesible e transformadora, que chega a toda a veciñanza. Non falamos só de actividades de ocio, senón de espazos para medrar, formarse, compartir e construír comunidade”.
Será unha primavera activa que arrancará co Entroido e culminará nun mes de xuño especialmente centrado na maxia e na literatura. Un dos epicentros da programación será o Espazo Isaura Gómez, que acollerá preto dunha ducia de propostas. A primeira cita será o 21 de febreiro con “Contos nunha roda: Rosalía”, un teatriño ilustrado con Esteban Acuña (Tarabelos) para conmemorar o Día de Rosalía e o Día da Lingua Materna, ás 12.00 horas e con entrada libre.
Ao longo destes meses pasarán tamén polo espazo autoras e autores como Ledicia Costas ou Francisco Álvarez Koki para presentar os seus últimos libros, ademais de propostas de viaxes sonoras, maxia e diferentes obradoiros. Ademais, o 24 de abril o Espazo Isaura Gómez acollerá tamén unha homenaxe a un dos ilustres tomiñeses, Xosé Luis Franco Grande, coa presentación de ‘Un intre no tempo’, unha recompilación dos seus catro poemarios, publicado no 2025.
Por outra banda, como novidade, este mes bota a andar o Club de Lectura Isaura Gómez, que se reunirá o derradeiro mércores de cada mes ás 20.30 horas para compartir impresións, descubrir novas voces e explorar distintos xéneros literarios.
A formación terá igualmente un papel protagonista da man da OMIX de Tomiño, que organiza oito cursos e obradoiros de idiomas, actividades handmade ou o curso oficial de monitor/a de tempo libre, unha formación homologada con gran demanda cada ano que permite obter titulación oficial para traballar no ámbito da animación sociocultural.
Marzo volverá ser o mes da igualdade, cun programa específico que incluirá preto dunha decena de actividades entre concertos, teatro, formacións, obradoiros e coloquios, reforzando o compromiso municipal coa sensibilización e a igualdade real.
“Queremos que cada persoa atope nesta programación unha actividade que a motive, que a faga participar e sentirse parte activa da vida cultural do noso concello. Porque florece na primavera e faino grazas á implicación dunha veciñanza que responde e enche de contido cada proposta”, concluíu a alcaldesa.
Con esta completa axenda, Tomiño prepárase para vivir unha primavera intensa, diversa e participativa, na que o lecer e a aprendizaxe camiñarán da man para seguir facendo do municipio un referente cultural na comarca.



