– Un total de 372 alumnos e alumnas de primaria e secundaria de centros de ensino de Redondela participan nesta actividade organizada pola Concellería de Igualdade. Dentro da programación do 8M que promove o Concello estas charlas son unha ferramenta máis “para que a rapazada coñeza os perigos aos que se expoñen, e que os poidan identificar e denunciar”.
– A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e a concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa, participaron esta mañá co alumnado de Porto Cabeiro nesta actividade. Trátase de charlas moi participativas nas que o alumnado pregunta as súas dúbidas, fala das súas experiencias cos xogos e as redes sociais e aprenden a importancia de poñer límites.
As charlas “Tecnoloxías e novas formas de violencia de xénero” están a percorrer os centros de ensino do municipio. A rapazada entra en contacto con internet e as redes sociais a idades cada vez máis temperás “polo que é fundamental que canto antes coñezan os risco que corren”, explica o experto en ciberseguridade Javier Cancelas. Con charlas adaptadas ás súas idades e co apoio e vídeos didácticos, nenas e nenos aprenden o que é o ciberacoso ou o grooming. Un total de 372 alumnos e alumnas dos colexios Igrexa, Porto Cabeiro, Quintela, Santa Mariña e IES Floriani participan nesta actividade organizada pola Concellería de Igualdade. Dentro da programación do 8M que promove o Concello estas charlas son unha ferramenta máis “para que a rapazada coñeza os perigos aos que se expoñen, e que poidan identificalos e denuncialos”.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e a concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa, compartiron hoxe co alumnado de Porto Cabeiro esta charla, na que participaron nenos e nenas de 1º, 2º e 3º de Primaria. Trátase de charlas moi participativas nas que o alumnado pregunta as súas dúbidas, fala das súas experiencias cos xogos ou as redes sociais e aprenden a importancia de poñer límites.
A rexedora destacou “a boa acollida” que ten esta actividade entre o alumnado e o profesorado dos centros, que a valoran como unha iniciativa “moi necesaria”. A rapazada utiliza teléfonos móbiles e tabletas desde idades moi temperás “e deben saber os perigos que existen en internet”.
Charlas nos Centros Culturais
A charla “Tecnoloxías e novas formas de violencia de xénero” tamén se imparte nos centros culturais das diferentes parroquias, con contidos e temáticas dirixidos ao público adulto. Esta semana comezaron en Santo Estevo de Negros e Quintela. A vindeira semana, o 21 de marzo, será no CRC de Cesantes ás 19.00 horas. No Multiúsos de Chapela será o 28 de marzo ás 19.00. O sábado 29 de marzo seré no CC A Miñoteira de Ventosela ás 19.30 e as xornadas rematarán o 4 de abril cunha charla no CC Saramagoso ás 19.00 horas. Todas estas charlas son abertas ao público.
Estas actividades fináncianse grazas ao Pacto de Estado contra a violencia de xénero do Ministerio de Igualdade.