A Recalada encheu de cultura mariñeira O Peirao de Arcade

adminON
Lectura mínima de 3

Na xornada do 17 de agosto o Peirao de Arcade viviu A Recalada, encontro do mar. Unha cita que chegou para quedarse co obxectivo de realzar o patrimonio marítimo galego facendo fincapé na relación que ten Arcade e Soutomaior co mar.

A Recalada é un encontro do Mar que se desenvolveu ao longo do día de onte dende ás 11:00 h. ata as 23:30h. que rematou o ultimo concerto protagonizado por Falperrys.
Unha cita que contou con moito éxito así a degustación a bordo no Balandro Santa Cruz esgotou as súas prazas das súas 4 viaxes en apenas 6 horas, tamén estiveron cheas as quendas de iniciación a vela e os paseos en caiac pola ría. Coa participación e éxito de convocatoria quedou claro que A Recalada chegou para quedarse.

Tal e como dixo o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, “tradición, música, gastronomía e convivencia formaron e seguirán formando parte deste evento que amosou ser un atractivo tanto para as xentes locais como para as persoas que nos visitaron na xornada de onte co fin de coñecer o noso concello e onde tiveron oportunidade de gozar dunha nova experiencia cultural e de lecer”.

Durante a xornada houobo actividades moi variadas, unha das máis fermosas foi o izado da bandeira das 15 embarcacións tradicionais que participaron neste encontro. Pero ademais tamén houbo citas relacionadas co mar, o turismo sostible, as artes de pesca, a artesanía local, a gastronomía, a música popular nunha ampla programación que contou, como xa dixemos, con navegacións, concertos como os de Abelieras de Alxán, Chispas do Lérez, Son das Tabernas e Falperrys, tamén contou con exposicións, animación na rúa, artesanía, obradoiros e actividades para a cativada e para todas as idades que foron un éxito.
Manu Lourenzo destacou que “o Encontro de Embarcacións Tradicionais achegou a esta proposta un valor etnográfico que permitiu coñecer diferentes dornas, gamelas, bucetas ou botes que nos acompañaron ao longo de toda a xornada e que realizaron exhibicións de navegación tradicional a vela na contorna das Illas Alvedosas, e onde tamén puidemos desfrutar dunha interesante e bonita visita guiada a estas embarcacións”.

Na xornada do sábado 17 de agosto, coa Recalada, xogou un papel moi importante a colaboración de entidades como Culturmar, o Clube náutico de Arcade, a Confraría de Arcade ou a de colectivos como os de artesanía e comercio local, entre outros moitos; que se implicaron neste evento tan singular impregnado da esencia coa que os galegos e as galegas contamos cando nos xuntamos para compartir e gozar do vivido e do que queda por vir.

Comparte este artigo