As augas de Baiona acollerán este venres, día 1 de agosto unha cita emblemática para o deporte náutico, unindo así cultura e tradición coa Vila mariñeira como garante.
O primeiro día da festa realízase a tradicional regata de gamelas “Gran premio Eurored”, entidade vinculada ao mundo mariño que vén desde hai anos apoiando a cita, única a nivel nacional nesta disciplina, cunha embarcación tan unida ás xentes do mar e especialmente ao mundo mariñeiro de Baiona como o foi a gamela, sustento durante décadas de moitas familias da Vila e pobos mariñeiros.
Esta ocasión, que será a do primeiro cuarto de século, faino cunha extraordinaria participación, 10 parellas femininas e 18 masculinas, que contarán coa presenza destacada de deportistas de nivel olímpico como a Tudense Nuria Domínguez, finalista en Atenas 2004 e María Cristina González, medallista Mundial.
Nas quendas masculinas atopamos a olímpicos como, Juan Zunzunegui, Sidney 2000 e Atenas 2004, Jesús González, Atenas 2004 ou Javier Vilariño, participante na bandeira de La Concha en varias ocasións. Non faltan a esta cita membros do Club de Remo Chapela que actualmente lidera a liga Galega de traiñeiras, a participación local con novas inclusións, ou a volta ao campo de regatas da coñecida saga baionesa “Liebanas”, gañadores en distintas ocasións e que farán máis emocionante a competición.
O equipo arbitral estará presidido por grandes do mundo do remo, como o son, Paloma Carpente, presidenta da comisión de árbitros da federación española, os ex olímpicos José Carlos Iglesias, Barcelona 92 e Franco Cobas, Roma 60, Barcelona 92 e Atenas 2004 xunto cos árbitros nacionais María José Bermúdez e Senén Martíns, todo a punto para unha tarde emocionante que dará comezo ás festas en honra á Virxe da Anunciada patroa de nosa Villa.
Desde o Concello de Baiona seguimos poñendo en valor as tradicións de nosa Villa, realzando a tradición e o deporte con eventos de calidade como a Regata de Gamelas.
En palabras do Alcalde, Jesus Vazquez Almuiña, “Para nós é fundamental poñer en valor nosa propia historia marítima. Construímos o futuro sobre a base do noso pasado”.