• O concelleiro de Obras e Servizos, Julio Casás (PSdeG-PSOE), explica que nos vindeiros días procederase á reapertura do tráfico
• O proxecto, que contou cun orzamento superior aos 150.000 euros, dá continuidade á posta en valor e a aposta pola mobilidade sostible nun dos núcleos máis importantes da parroquia de San Xoán
A rehabilitación da Primeira Travesía da Seara, na parroquia de San Xoán, xa é practicamente unha realidade. O concelleiro de Obras e Servizos Municipais, Julio Casás (PSdeG-PSOE), pasou revista hoxe ao estado que presenta esta rúa, cuxa reforma integral está case finalizada. Tanto é así, que se agarda que nos vindeiros días xa se poida reabrir de xeito definitivo o tránsito de vehículos, logo de que se pechase ao tráfico durante os últimos meses para o desenvolvemento dos traballos, que están a ser executados pola empresa EC Casas.
Tal e como lembrou o edil do Goberno municipal, esta actuación serve para continuar avanzando no proceso de transformación que o Concello está a levar a cabo no núcleo da Seara. No que vai de mandato xa se acometeron importantes melloras na rúa principal.
Nesta ocasión, foi a quenda da Primeira Travesía, que enlaza coa PO-308 á altura do centro de San Xoán. Casás destacou, entre outras melloras, a dotación dunha nova superficie de empedrado, que, ademais de renovar o firme, tamén supón unha maior garantía no que ao respecto da contorna se refire. “Esta é a filosofía que aplicamos en todas as actuacións que estamos a desenvolver nos núcleos tradicionais, como é o caso da Seara ou o de Lameiriña, en Raxó, que tamén está a piques de rematar”, sinalou o titular de Obras e Servizos. Deste xeito, apóstase pola posta posta en valor, ao tempo que se potencia a mobilidade sustentable e un maior protagonismo para o tránsito peonil.
Precisamente, na Travesía da Seara tamén se ve mellorada a seguridade viaria, especialmente no tramo máis próximo á PO-308, onde se procedeu a anchear a rúa en dous metros, co que haberá un maior espazo para viandantes. A maiores, a empresa adxudicataria tamén levou a cabo a renovación de servizos básicos como o saneamento, así como a separación de pluviais e abastecemento. O proxecto incluía o soterramento de tendido eléctrico e a canalización para telecomunicacións. Julio Casás explicou que “só quedan uns retoques” para dar por finalizada a obra.
O investimento total para esta actuación ascendeu a preto de 152.000 euros. Esta actuación impulsouse a maiores da xa completada no núcleo da Seara, que no seu día tivo que volver a sacarse a licitación polo cese repentino de actividade da empresa Nexia.
Este imprevisto foi aproveitado polo Concello para elaborar máis proxectos a maiores, que serven para estender a mellora ás conexións próximas. En total, o investimento realizado nas melloras realizadas nos últimos dous anos nesta contorna supera os 600.000 euros, que se financian a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. Nesta zona tamén se está actuar no Camiño do Casal, que enlaza A Seara coa estrada de Campelo.