A Rondalla Santa Eulalia de Mos participou onte na oitava edición da Gala Ilusión, celebrada na sala Pelícano da Coruña e promovida polo Grupo Pelícano, un dos eventos solidarios máis destacados do noroeste peninsular.
Nesta edición, os fondos recadados serán destinados integramente á ONG Kind Surf, entidade social e medioambiental que traballa con menores en situación de vulnerabilidade ou risco de exclusión a través do surf e da educación ambiental como ferramentas terapéuticas e de inclusión social.
A actuación da rondalla mosense, recoñecida pola súa longa traxectoria e pola súa recente inspiración na película “Rondallas” do director Daniel Sánchez Arévalo, foi un dos momentos máis emotivos da noite. Interpretaron temas como O Pau, Río Douro, Como o Vento ou a súa tradicional peza Pixirilo.
Recentemente, a Rondalla Santa Eulalia viaxou tamén ata San Sebastián para participar na presentación da película de Sánchez Arévalo no Festival de Cine da devandita cidade.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, asistiu tamén á gala, acompañando á formación e poñendo en valor “o orgullo que supón para Mos ver como a nosa música e as nosas tradicións son apreciadas e aplaudidas en escenarios tan relevantes, e ademais por unha causa tan fermosa e solidaria”.
A Gala Ilusión, dirixida por Juan Carlos Cebrián e Luis Diz González, destina cada ano os seus fondos a entidades sociais como Padre Rubinos, Cáritas ou Aclad, e consolídase como un exemplo de colaboración entre o tecido empresarial e os proxectos de impacto social.



