• A concelleira socialista Rosa Fernández informa que o prazo de inscrición para esta excursión, que terá lugar o domingo 5 de xuño, xa está aberto
A concelleira de Benestar Social e Mocidade, a socialista Rosa Fernández, lembra que segue aberto o prazo de inscrición para participar nunha nova saída correspondente ao programa ‘Andainas de Primavera’. Nesta ocasión, o desprazamento realizarase ata o concello da Lama, onde as persoas inscritas participarán na coñecida como Ruta da Liberdade. Esta será a cuarta excursión que se leve a cabo a través desta programación, logo do éxito acadado en semanas anteriores nos desprazamentos realizados a Castrelo (Cambados), Pontesampaio (Pontevedra) e á fervenza do segade, en Caldas de Reis. O obxectivo desta actividade é ofrecer á veciñanza unha iniciativa de lecer, na que, ao mesmo tempo que se dan a coñecer lugares emblemáticos da provincia de Pontevedra, tamén se aposta polos hábitos saudables.
Cómpre lembrar que estas visitas contan con guías, que son os encargados de explicara os e ás asistentes os detalles relacionados coa historia e a contorna de cada un destes emprazamentos. Estas sendas están pensadas para persoas de diferentes idades. As
anotacións, totalmente gratuítas, poden realizarse nas dependencias da Casa Rosada, ou chamando ao 968872401. Tamén é posible rexistrarse enviando un correo electrónico a
xuventude@concellopoio.org. Será necesario depositar un adianto de 10 euros, que será devolto antes da saída. Nas inscricións daráselle prioridade á veciñanza de Poio.