A proba celebrarase o vindeiro mércores 31
O Concello de Ponteareas anuncia unha nova edición da tradicional Carreira San Silvestre Solidaria, que terá lugar o vindeiro mércores 31, mantendo o seu punto de encontro habitual, a praza Maior, desde onde todas as persoas participantes partirán ás 16:00 horas.
Este ano, a cita deportiva e solidaria terá un marcado carácter benéfico, xa que a recadación completa irá destinada á Asociación Española contra o Cancro (AECC), colaborando así no apoio ás persoas afectadas e na loita contra esta enfermidade. Ao igual que en anteriores edicións, o Concello asumirá os gastos de organización e este ano, ademais, sumará unha aportación solidaria propia.
O Concello anima a toda a veciñanza, deportistas e familias a participar nunha xornada que combina deporte, convivencia e solidariedade. As inscricións xa están abertas na páxina https://www.deporticket.com/, polo que se convida a realizar o rexistro canto antes para garantir a participación.
Desde o Concello quérese tamén agradecer o traballo e compromiso das organizacións das anteriores edicións, cuxa dedicación contribuíu a consolidar esta proba.
A San Silvestre Solidaria de Ponteareas está xa plenamente asentada no calendario da solidariedade, pero tamén no das e dos deportistas, converténdose nun evento de referencia que cada ano suma máis apoio e entusiasmo.



