A subida do canon de Sogama da Xunta obriga a incrementar os custos do lixo en case 78.000€ á veciñanza do Rosal

adminON
Lectura mínima de 2

O Concello modificará a taxa en 21 euros por vivenda ao ano para facer fronte aos custos dun incremento impulsado pola Xunta que mantén un modelo obsoleto

O Concello propón un modelo máis sostible e xusto para a xestión dos residuos

A economía dos fogares rosaleiros e rosaleiras verase afectada pola subida de forma unilateral e con carácter retroactivo do canon de Sogama de tratamento de residuos municipais impulsada pola Xunta de Galicia, que pasou dos 68,05€/tm a comezos de 2024 aos 108€/tm previstos para 2025.

Este incremento trasladado pola Xunta, que se traduce para o conxunto dos veciños e veciñas nunha suba total de case 78.000 euros, obriga ao Concello a modificar a ordenanza da taxa de recollida do lixo, cunha subida de 21 euros por vivenda ó ano, o equivalente a 1,75€ ao mes. Cabe mencionar que no caso do Rosal o servizo de recollida de residuos é xa de por si deficitario, xa que coas tarifas actuais e os custos proxectados para 2025 cubre unicamente o 32,59% dos custos totais.

Como explican dende o Concello, o grave desta subida do canon de Sogama é que se produce “para manter un modelo de xestión obsoleto económica e medioambientalmente, un incremento imposto pola Xunta de forma unilateral que traslada á veciñanza os custos extra que supón manter un modelo de incineración e transporte atrasado desde fai máis de 20 anos que vai en contra de todo o que marca Europa, que tiña que estar xa extinguido”.

O Concello do Rosal leva dende o ano 2019 apostando de maneira incremental por un cambio no modelo dos residuos coa compostaxe como eixo central, un sistema de xestión que reduce emisións de gases de efecto invernadoiro e mellora os índices de reciclaxe acorde coa normativa europea e contrasta radicalmente co sistema obsoleto de Sogama.

Comparte este artigo