O BNG denuncia a eliminación do Cine na Rúa e outras iniciativas en Noalla, Vilalonga Nantes, Bordóns e Dorrón, algo que se suma á ausencia de infraestruturas e ao mal funcionamento de servizos en moitas zonas que non pertencen ao núcleo da vila
Fran Leiro ten claro que “ao señor Martín só lle interesa o que suceda en Silgar e en 500 metros á redonda”
O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Sanxenxo carga contra unha nova mostra do alcalde, Telmo Martín, do menosprezo co que trata á veciñanza que vive no rural do concello. A todas as deficiencias en servizos, demandas e necesidades ás que non se lles dá resposta en moitas zonas que non pertencen ao casco urbano por parte do Goberno local hai que sumar agora a supresión de actividades da Programación de Verán, que reduce de xeito notable as iniciativas nas parroquias de menor poboación.
O voceiro nacionalista, Fran Leiro, amósase moi crítico coa decisión adoptada pola Concellería de Cultura de suprimir as sesión de Cine na Rúa en lugares como Noalla, Vilalonga, Nantes, Bordóns e Dorrón. Recorda o edil do Bloque que na etapa dos nacionalistas no Goberno local, no mandato 2015-2019, na que xestionaron esta área, “unha das apostas foi precisamente espallar as propostas de lecer, especialmente as pensadas para as crianzas, ao longo de todo o concello. Pero o señor Telmo Martín ten bastante claro que en Sanxenxo hai habitantes de Primeira e de Segunda, en función de se viven preto da praia de Silgar ou non”, ironizou Leiro. Ademais de suprimir o Cine na Rúa, tamén hai menos espectáculos de maxia. O BNG ten moi claro que este novo episodio de abandono non é máis ca un perfecto exemplo do pouco que lle importa ao alcalde a situación do rural. “Esta redución de propostas
culturais súmase á falta de infraestruturas e ao mal funcionamento dos servizos que padecen os veciños e veciñas do rural de Sanxenxo”, denunciou Fran Leiro, que lamenta que a Telmo Martín “só lle interesa o que sucede na praia de Silgar e en medio quilómetro á redonda”.
Precisamente, o concelleiro nacionalista puxo como exemplo as diferentes actuacións que se están levando a cabo na contorna da praia urbana. “Acabamos de ver como o señor Martín gastou miles de euros no Paseo de Silgar, mentres o rural segue completamente desatendido”, lembrou, ao tempo que se referiu ao movemento de area que se está a realizar na praia nestes días. “Non hai interese en ter en conta as necesidades sen resposta da poboación que non vive nos núcleos de Sanxenxo, pero parece moi importante mover a area para que en Silgar haxa espazo para uns cantos parasoles máis. O que tería que aclarar o alcalde é a canto lle sae a cada veciño ou veciña ese parasol a maiores”, apuntou o edil do BNG.
Por último, o Bloque lamenta que o entretemento e o lecer sexa para o Goberno do Partido Popular “algo case exclusivo para as zonas costeiras, onde haxa máis turistas, mentres que a xente do rural parece que non ten dereito a gozar desta programación en igualdade de condicións”.