Incidirá sobre a linguaxe musical, o ritmo e o movemento como canle mediante o cal mellorar o benestar da persoa.
O Centro Asociado da UNED en Pontevedra ofrece desde hoxe ata o 14 de xuño o curso “Musicoterapia. Música para a felicidade”, de 24 horas lectivas e que será impartido polo artista polifacético Nelson Quinteiro Roia, un músico con máis de 20 anos de formación e experiencia no mundo artístico, tanto como profesional nos escenarios como na xestión e consultoría de contidos culturais para todo tipo de institucións.
Esta iniciativa formativa, dirixida por Raúl González Fernández, profesor da Facultade de Educación da UNED, e posta en marcha polo departamento de Extensión Universitaria e Actividades Culturais, que coordina Rafael Cotelo Pazos, ten entre os seus obxectivos lograr a autopercepción, a introdución á linguaxe musical, impartir nocións musicais relacionadas co ritmo, a melodía, a harmonía e a composición musical e fomentar a creatividade estimulando a imaxinación mediante o xogo con todo tipo de instrumentos, sons, movementos e ritmos.
Ademais, este curso servirá para fomentar a creación de vínculos sociais e emocionais relacionados coa música e a aplicación de novos coñecementos e repertorio como músicos e futuros musicoterapeutas en diferentes contextos: accións de rúa, traballo escolar e coa infancia, ámbito hospitalario e traballo con persoas maiores.
A musicoterapia é unha disciplina que emprega as posibilidades da linguaxe musical, do ritmo e do movemento como canle mediante o cal mellorar o benestar dunha persoa. A terapia musical emprega as respostas aos estímulos musicais como vehículo mediante o cal se producen cambios positivos no estado de ánimo e o benestar mental xeneral.
A terapia musical que propón este curso da UNED inclúe escoitar música e creala a partir de instrumentos de todo tipo. Tamén cantar e moverse coa música, empregar todo tipo de recursos e utensilios para producir música, estimulando a creatividade.
ACTIVIDADE SEMIPRESENCIAL PARA PERSOAL SANITARIO EN ACTIVO
Dado o interese que este curso suscitou entre persoas pertenencientes ao colectivo do persoal sanitario en activo, e dadas as dificultades expresadas en canto a conciliación con quendas e horarios laborais, a UNED decidiu, exclusivamente para este sector, abrir a posibilidade dun formato semiprensencial sendo máis flexibles co número de sesións obrigatorias de asistencia e substituyendo estas clases ás que o alumno/a non poida asistir por relatorios, lecturas e titorías personalizadas.
Finalmente, como actividades complementarias os alumnos matriculados neste curso poderán aplicar os coñecementos recibidos en ámbitos como lactantes (música para bebés e no sector de garderías), escolares (musicoterapia infantil e a educación), hospital (musicoterapia no ámbito sanitario) e persoas maiores (musicoterapia en residencias da 3º e 4ª idade).



