A gran demanda de participantes referenda o éxito desta iniciativa formativa que coordina Rafael Cotelo e imparte o cociñeiro director do Hotel Roquiño de Caldas de Reis.
A aula Universitaria da UNED en Portas esgota en horas a inscrición para participar na terceira edición do Curso de Cociña que imparte Miguel Piñeiro Frieiro, prestixioso cociñeiro e director do Hotel Roquiño de Caldas de Reis, e que volve poñer en marcha a Universidade Nacional a Distancia a través do departamento de Extensión Universitaria e Actividades Culturais que coordina Rafael Cotelo Pazos.
O Curso de Cociña III comeza esta tarde e impartirase ata o 28 de novembro nun horario de 16:30 a 19:30 horas durante un total de 18 horas lectivas que levarán a cabo os luns.
Esta nova edición do Curso de Cociña será impartido polo prestixioso cociñeiro Miguel Piñeiro Frieiro nas instalacións da antiga casa do médico, xunto ao CPI Domingo Fontán, na Rapeira, que facilita o Concello de Portas para un mellor desenvolvemento teórico e práctico do curso.
Este curso, dirgido ao público en xeral, ten un custo por alumno de 36 euros e o obxectivo do mesmo é achegar coñecementos teóricos e técnicas de cociña para mellorar a calidade de vida das persoas e ensinar formas simples e entretidas en que a alimentación sexa a base da nosa saúde.
Debido ao éxito e á gran demanda de prazas para participar neste Curso de Cociña III, a UNED mantén aberta unha lista de espera para aquelas persoas interesadas en acudir a este curso por se algunha persoa decidise renunciar á súa praza para que poida ser ocupada a vacante por algún outro alumno que mostre o seu interese e formalice a súa inscrición.



