• Félix Bravo acadou o podio xunto ao seu can Rocky procedente dun refuxo de animais
O Concello de Ponteareas felicita á unidade Cinolóxica G.B.R CanSurGal de Ponteareas por acadar o 3°posto na liga Galega de Mushing na modalidade de canicross categoría DCMV .
Nesta proba, organizada pola Federación Galega de Deportes de Inverno, Félix Bravo, integrante de CanSurGal, xunto co seu can Rocky amosaron as súas habilidades en canicross. O canicross é unha modalidade deportiva dentro da categoría de mushing (cans de tiro). A súa práctica consiste en correr por circuítos de terra ou montaña acompañado do can, que fai de guía mediante un arnés unido á cintura. A proba contou con tres carreiras, unha no concello de Rois, outra no de Boborás e outra e Vilagarcia, quedando terceiro na clasificación xeral.
Estes logros súmanse aos obtidos por Jesús Rodríguez e o seu can Ares, tamén integrantes desta unidade cinolóxica, que nos pasados xogos europeos de Policías e Bombeiros, celebrados na cidade de Braga conseguiron un 4°posto na modalidade de procura en entullos e estruturas colapsadas e un 2° posto medalla de prata na modalidade de procura en grandes áreas.
Félix Bravo é propietario de dous cans adoptados que amosaron que non fai falla pedigree para subir ao podio nin criarse dende cachorro cunha familia para conseguir un total entendemento e intregración.
Desde a unidade Cinolóxica felicitan a Félix e ao seu can Rocky polos excelentes resultados acadados tanto nas competicións como na súa convivencia.
CanSurGal colabora na búsqueda de persoas desaparecidas cando as forzas de emerxencias requiren a súa intervención. Na actualidade 8 guías e 8 cans forman este grupo que se mantén en continua formación para obter os mellores resultados nas súas intervencións. Esta asociación canina independente está adscrita e coordinada polo 112 e conta con cans adiestrados en diferentes especialidades tanto para emerxencias como búsquedas de persoas desaparecidas (cans de grandes áreas por venteo e de localización de vítimas por olor de referencia, maintrailling).

