HomePontevedraA Vía Verde de Chapela e xogos de “Orientaventura” en Cesantes nos...

A Vía Verde de Chapela e xogos de “Orientaventura” en Cesantes nos roteiros de turismo ambiental

- Anuncio -spot_img

– A programación dos Roteiros Ambientais e Culturais ofrece este domingo, día 12, dúas saídas. A primeira será unha ruta pola Vía Verde de Chapela ás 10.00 horas, e a segunda  unha actividade de “orientaventura” en Cesantes ás 17.00 horas para público infantil e familiar.

O Concello de Redondela ofrece no mes de outubro actividades de turismo ambiental e cultural para público de todas as idades.  Logo do éxito da programación de verán, as concellerías de Turismo, Sostibilidade e Medio Ambiente continúan con propostas a pé ou en caiac que se realizan sempre con guías profesionais.

Esta fin de semana temos dúas citas, completamente de balde, para todos os públicos. Serán o domingo, día 12, en horario de mañá e de tarde. A primeira é unha ruta pola Vía Verde de Chapela con saída ás 10.00 horas. Será un paseo de 3,5 km no que o guía falará da historia das vías de ferro e fará tamén unha interpretación ambiental das especies vexetais que se atopan ao longo da senda.

A segunda  unha actividade de “orientaventura” en Cesantes ás 17.00 horas para público infantil e familiar. Haberá xogos ambientais e de orientación con diferentes probas nos que a rapazada aprenderá a recoñecer a flora e a fauna da zona ao tempo que se divirte. Está dirixido a público de 6 a 16 anos, que se distribuirá para xogar por equipos, e en cada un dos grupos deberá participar un adulto.

A concelleira de Cultura e Turismo, Rita Pérez, destacou a “transversalidade” destas actividades “que apostan polo turismo sostible e responsable con saídas para coñecer o espectacular patrimonio natural e cultural de Redondela”.  O concelleiro de Sostibilidade, Roberto Villar, suliña que o obxectivo é “poñer en valor os recursos naturais de Redondela e tamén concienciar á veciñanza e ás persoas que nos visitan da importancia de respectar estes espazos e axudar a conservalos”.

As rutas ambientais continuarán o sábado, día 18, con “caiac ambiental” na Portela, ás 11.00 horas. Esta actividade é a único que non é de balde, cun custo de 20 euros. O domingo 26 pecharase o programa de roteiros cunha actividade de “Iniciación á observación de aves na zona da Portela”. De 11 a 13 horas, de balde.

Para participar nestas actividades é preciso facer a inscrición previa na oficina de turismo, no teléfono 986 40 17 13 ou no enderezo electrónico turismo@redondela.gal.

Publicacións Relacionadas