HomePontevedraA Vía Verde entre Arcade e Pontevedra, máis preto ca nunca de...

A Vía Verde entre Arcade e Pontevedra, máis preto ca nunca de converterse nunha realidade

- Anuncio -spot_img

O BNG de Soutomaior celebra o inicio da redacción de estudo sobre a Vía Verde e lembra que foi grazas ao pulo do BNG durante máis de dez anos, xunto coa veciñanza de Soutomaior, que agora as institucións estean a dar pasos nesta dirección.

Despois de que esta semana comezasen os traballos para a redacción do estudo sobre o percorrido e as diferentes alternativas da Vía Verde entre Arcade e Pontevedra, estamos máis preto ca nunca de que esta se convirta nunha realidade.

Unha noticia que celebra enormemente o BNG de Soutomaior, xa que a Vía Verde suporá un cambio total na mobilidade entre Arcade e Pontevedra, ao unir ambos núcleos de poboación cunha senda peonil e ciclista, en liña co modelo de mobilidade verde e ecolóxico que o BNG leva anos a impulsar e que xa se pode ver en moitos puntos do País.

Neste sentido, o responsable local do BNG de Soutomaior, Gonzalo Otero, sinalou que “foi grazas ao pulo durante máis de dez anos por parte do BNG e da veciñanza de Soutomaior, así como de colectivos sociais e asociacións, que agora as institucións estean a dar pasos nesta dirección e a Vía Verde estea cada vez máis preto de converterse nunha realidade. É unha moi boa noticia para Soutomaior e a súa veciñanza”.

Nestes dez anos, o BNG desenvolveu numerosas iniciativas na rúa e no propio trazado da Vía Verde para pedir que Renfe e Adif cedan o tramo da antiga vía ferroviaria que une Arcade e Pontevedra a través de Vilaboa, en desuso e totalmente abandonado desde hai anos. Ademais, o BNG presentou varias emendas aos Orzamentos Xerais do Estado para pedir ao Goberno español unha partida específica para a Vía Verde.

Para o responsable local do BNG, “o Goberno de Soutomaior estará sempre coa súa veciñanza e a favor da construción da Vía Verde, eagora é a quenda de que o resto de administracións e organismos implicados dean os pasos necesarios para comezar canto antes coa súa construción. Desde o BNG de Soutomaior e desde o Goberno local ofrecemos a nosa total colaboración para que máis antes que despois a nosa veciñanza poida desfrutar desa Vía Verde pola que tantos anos leva pulando”.

Publicacións Relacionadas