A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, asistiu este luns á inauguración do Congreso Internacional JAI’2025, as X Xornadas sobre Tecnoloxías e Solucións para a Automatización Industrial organizadas pola Escola de Enxeñaría Industrial (E.E.I.) da Universidade de Vigo. As conferencias do encontro céntranse na difusión destas tecnoloxías para afrontar os retos da globalización e a competitividade nos procesos produtivos, para que o público asistente poida manterse ao día nas disciplinas de enxeñaría para coñecer de primeira man as tecnoloxías, solucións e tendencias máis modernas no seu ámbito. As xornadas estenderanse ata este venres 14 no Salón de actos da E.E.I., situada na Sede Campus da Universidade.