HomePontevedraO CondadoA X andaina AndaGuláns do Concello de Ponteareas renderá homenaxe aos Ranchos

A X andaina AndaGuláns do Concello de Ponteareas renderá homenaxe aos Ranchos

- Anuncio -spot_img

O Concello de Ponteareas participou hoxe na presentación da décima edición da andaina circular AndaGuláns, unha cita xa consolidada no calendario deportivo e que este ano rende homenaxe aos tradicionais ranchos, unha das expresións máis singulares do patrimonio cultural da contorna.

Acompañando aos organizadores, no acto participaron a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, o tenente de alcaldesa Juan Carlos González Carrera; o xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia en Pontevedra, Daniel Benavides; o presidente da Federación Galega de Montañismo, Alejandro López e o presidente de Xistra (coorganizadora da andaina) Enrique Freixeiro, que puxeron en valor o éxito desta iniciativa que combina deporte, natureza e cultura.

A andaina, recoñecida pola Federación Galega de Montañismo pola súa boa organización ao longo dos anos, ofrece dúas modalidades de participación: unha distancia longa de 25 quilómetros e outra curta de 12 quilómetros, permitindo así que persoas de diferentes niveis poidan desfrutar desta experiencia.

A alcaldesa e o tenente de alcaldesa felicitaron á organización polo traballo realizado durante esta década e avanzaron o compromiso do Concello de seguir apoiando esta iniciativa. Ambos salientaron que este tipo de probas contribúen a visibilizar a riqueza cultural e medioambiental de Ponteareas, ao tempo que atraen a numerosas persoas visitantes, dinamizando a economía local e fomentando hábitos saudables a través do deporte e do camiñar.

Ante o éxito desta andaina, este ano constituíron a Asociación Deportiva AndaGuláns. “Cada ano a organización quere pór en valor a unha asociación distinta da parroquia, o ano pasado foi a Banda de Música Unión de Guláns, o anterior o pemento de Guláns e este ano o Rancho Reis de Guláns”, explica o presidente, Nisio Soto. Esta décima edición homenaxea á empresa local, Tesis, polo seu apoio continuado dende a primeira edición ata hoxe.

Neste sentido, a alcaldesa destacou que nesta edición, ademais do valor deportivo e paisaxístico da andaina, súmase a difusión do folclore popular, xa que os Ranchos de Reis constitúen un legado herdado que fai único ao municipio, no que existen tres ranchos de reis activos, unha tradición moi arraigada que forma parte do patrimonio cultural ponteareán.

A andaina longa de 25 quilómetros forma parte da Liga Galega de Andainas 2026, incluída no Calendario Oficial de Actividades da Federación Galega de Montañismo.

Datos da proba:

De dificultade media, o punto de saída e de chegada será o local da Asociación Cultural de Guláns na Avisoureira. A entrega de dorsais terá lugar de 08:00 a 08:45 horas para a distancia de 25 km e ata as 09:20 horas para a distancia de 12 km

As persoas federadas doutras federacións autonómicas deberán achegar unha imaxe da súa licenza deportiva de montaña correspondente ao ano 2026.

As persoas interesadas xa poden formalizar a súa inscrición a través da seguinte ligazón:

https://fgm.playoffinformatica.com/FormInscripcioWeb.php?accio=new&idLliga=286

A décima edición de AndaGuláns consolídase así como unha cita destacada para as persoas amantes do sendeirismo e do patrimonio natural e cultural de Ponteareas.

Publicacións Relacionadas