• XORNADAS E DEMOSTRACIÓNS DE PROTECCIÓN CIVIL, MESAS REDONDAS DA ASOCIACIÓN PROFESIONAL DE TÉCNICOS DE BOMBEIROS, UN SIMULADOR 3D DE CONDUCIÓN DE AMBULANCIA EN REALIDADE VIRTUAL, O II CONGRESO INTERLUMES OU UNHA EXHIBICIÓN DE RESCATE NA AGUA CON VEHÍCULO SUBMARINO ELÉCTICO SERÁN ALGUNHAS DAS PROPOSTAS
• A FEIRA, QUE TAMÉN SE CENTRARÁ NOS SECTORES DE SEGURIDADE E DEFENSA, SERÁ DO 28 AO 30 DE NOVEMBRO NA FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA
A II Feira Internacional de Seguridade, Defensa e Emerxencias, SEDEXPO 2023, que se celebrará do 28 ao 30 de novembro na Feira Internacional de Galicia ABANCA (Silleda, Pontevedra), abordarán as emerxencias desde distintos ámbitos. Así, á súa área expositiva, na que están presentes empresas líderes e distintas entidades, sumarase un gran número de actividades deste sector.
Estas programaranse ao longo dos tres días do certame, o cal conta co patrocinio da Civil Uavs Initiative, iniciativa estratéxica liderada pola Xunta de Galicia que ten como finalidade promover solucións innovadoras baseadas en vehículos aéreos non tripulados (UAVs).
Protección Civil destacará no programa de Sedexpo 2023, centrando interesantes xornadas organizadas pola Xunta de Galicia, con títulos como “Protección Civil e Emerxencias”, “Xestión de Inundacións e de Incendios 6.0”, “Meteoroloxía e cambio climático” ou “Xestión de emerxencias”, ademais de realizar un simulacro centrado na procura de persoas desaparecidas. Un programa cuxo obxectivo é destacar as capacidades de Protección Civil, dar valor ao seu importante labor na sociedade e tamén recoñecer o papel dos voluntarios.
Ademais, a Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), cunha notable presenza expositiva, levará a cabo outras actividades, como exhibicións de drons xunto coa empresa Aeromedia.
Por outra banda, a Asociación Profesional de Técnicos de Bombeiros (APTB) celebrará varias conferencias nas que se tratarán temas como os bulos en emerxencias ou a comunicación do mando de emerxencias, Ademais, o director de APTB presentará un estudo sobre vítimas de incendios, mentres que Juan Mariño, sarxento do Consorcio de Bombeiros de Pontevedra fará o propio co seu libro “Liderado en chamas”. Tamén realizarán unha mesa redonda sobre como funciona un consorcio de bombeiros e un taller de xestión operativa, ademais de celebrarse as xuntas directivas de APTB España e Galicia e a asemblea de socios desta última.
Sumaranse outras propostas como un taller sobre soporte vital básico e desfibrilación externa semiautomática, da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia – 061; unha demostración de posto avanzado de mando e outra dun vehículo submarino eléctrico para rescate na auga, a presentación dunha plataforma de xestión de operacións con drons ou unha xornada sobre “strategic foresight para a seguridade, defensa e emerxencias”, organizada por Giasp, consultora que implementa esta metodoloxía de anticipación empresarial e económica que está a permitir a empresas liderar o seu sector.
Destacará tamén o taller “Simulador 3D: condución de ambulancia en realidade virtual”, organizado polo CIFP A Carballeira – Marcos Valcárcel, o cal se trata dun proxecto centrado nas emerxencias sanitarias co que se pode adestrar esta habilidade en diferentes circunstancias e contornas aplicando protocolos reais.
II Congreso Interlumes
Enmarcado novamente na feira e organizado pola Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, terá lugar ademais o Congreso Internacional de Incendios Forestais Interlumes, que nesta segunda edición albergará de novo interesantes conferencias e mesas redondas con presenza de recoñecidos expertos en lumes forestais.
Ademais, nesta ocasión contará cun simulacro de extinción con ataque combinado de medios aéreos e terrestres para defender unha vivenda illada e manobras de autoprotección, organizado pola Dirección Xeral de Defensa do Monte da Xunta de Galicia.