A XGN Intermax AI Edition suma xa 840 inscritos, superando os do ano pasado nesta cita especial coa intelixencia artificial como protagonista

adminON
Lectura mínima de 4
  •  Estes interesados en participar na súa Intranet, os cales poderán desfrutar de forma ininterrompida do evento no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA, poden seguir rexistrándose tanto antes do evento como durante a súa propia celebración
  •  Será o 25º aniversario desta cita que reunirá do 10 ao 12 de outubro a profesionais e afeccionados ás novas tecnoloxías e o ocio electrónico

A edición especial que celebra este ano a XGN Intermax, que terá lugar do 10 ao 12 de outubro e se centrará na intelixencia artificial, supera xa os inscritos do ano pasado na súa Intranet, os cales ascenderan daquela a 800.

Así, a once días do seu comezo, os rexistrados suman xa 840, un 5% máis. Un crecemento que, tendo en conta os días que restan para o seu comezo e que os interesados poden inscribirse tanto antes do evento como durante a súa propia celebración, supón que as expectativas para esta XGN Intermax AI Edition sexan boas. Así, esta cita, coincidente co seu 25º aniversario, converterase nun gran punto de encontro de profesionais e afeccionados ás novas tecnoloxías e o lecer electrónico.

O evento contará de novo na Feira Internacional de Galicia ABANCA coas súas zonas tradicionais, a Intranet e a Extranet, aínda que nesta ocasión engadirá un espazo expositivo coa IA como protagonista. Así, como é habitual, a Intranet, orientada a inscritos, permitirá desfrutar dun posto con conexión de altas prestacións e dará dereito tanto a acampar como a participar en actividades exclusivas, mentres que a Extranet ofrecerá un completo programa de propostas tanto para os participantes como para quen visite o recinto. Estas actividades, que buscan tanto a aprendizaxe como o entretemento, serán moi variadas, aínda que a intelixencia artificial terá unha importante presenza tanto en conferencias como en talleres tecnolóxicos interactivos.

Pola súa banda, a zona expositiva estará destinada a empresas centradas en intelixencia artificial. Unha pequena mostra que será o xerme dunha futura feira especializada nesta tecnoloxía emerxente.

Horarios das distintas zonas

En canto á dispoñibilidade destas áreas, a Intranet estará operativa de forma ininterrompida para inscritos dende o día 10 ata o 12 outubro á primeira hora da tarde, aínda que poderán acceder xa ao recinto o día 9 ás 16.00h na chamada preparty. Respecto á Extranet e Exposición centrada en IA, poderase acceder o 10 e 11 de outubro de 10.00h a 20.00h, de forma gratuíta.

Formación, entretemento e, tamén negocio, serán así os eixos desta edición especial, que contará de novo co apoio da Xunta de Galicia a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, impulsora da party, e co patrocinio oficial de Intermax Technology. Grazas a esta compañía tecnolóxica galega, a cal se incorporou ao proxecto o ano pasado, os participantes poderán navegar por segunda vez a unha velocidade de ata 40 Gbps, o dobre do que se alcanzaba antes da implicación de Intermax Technology no evento. Ademais, nesta edición o provedor galego de aloxamento, servidores e infraestrutura Raiola Netwoks súmase ao evento cun patrocinio.

Comparte este artigo