HomeO CondadoAs NevesA XIX Festa do Tinto Rías Baixas celebrarase o 24 e 25...

A XIX Festa do Tinto Rías Baixas celebrarase o 24 e 25 de xullo no Concello de As Neves

- Anuncio -spot_img

A celebración conta cun programa ambicioso e deseñado para todos os públicos

O Concello de As Neves celebrará o 24 e 25 de xullo unha nova edición da Festa do Tinto Rías Baixas, que acada a súa décimo novena edición sendo un referente para a posta en valor dos viños tintos e o bo facer dos viticultores e bodegueiros desta subzona do Condado do Tea, amparada pola Denominación de Orixe Rías Baixas.

Así se anunciou durante a presentación da Festa do Tinto, na que participaron o presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas, Isidoro Serantes, así como o seu secretario xeral, Ramón Huidobro; a deputada responsable de Turismo da Deputación de Pontevedra, Nava Castro; e o alcalde de As Neves, José Manuel Alfonso.

Ramón Huidobro confesou que “estamos moi contentos pola diversidade coa que conta esta Denominación de Orixe e pola recuperación desas variedades e territorios que fan que o número de persoas que degusten estes viños tintos das Rías Baixas aumenten e extendelo así por toda a península. Queremos agradecer a todas as bodegas da zona que están a elborar viños tintos e por involucrarse como o fan nesta festa. Queremos trasladar ao consumidor que nas Rías Baixas, ademais de elaborar uns magníficos viños brancos con variedades autóctonas, tamén sabemos elaborar tintos con esa frescura e carácter atlántico que se poden combinar con calquera menú”.

Nava Castro destacou que “dentro da estratexia de turismo de Deputación estamos a defender as festas de interese turístico e tamén todas aquelas que mostren os nosos productos para poder, así, seguir posicionando o noso destino e destacar tamén ese destino de interior. Ademais, que mellores datas que as dun festivo como o Día de Santiago Apóstol para que a xente se achegue ás Neves a degustar estes viños tintos da DO Rías Baixas que tanto merece a pena coñecer e desfrutar dun entorno único ao carón do río Miño”.

O alcalde de As Neves, José Manuel Alfonso, detallou que “un ano máis reuniremos nestas datas a adegas da contorna e amantes do viño, da cultura e da gastronomía do noso Concello e de Galicia. Deseñamos un programa ambicioso e diverso, do que desfrutarán todos os públicos, combinando sendeirismo, charlas, catas, obradoiros e actividades infantís, actividades musicais, etc., na que o obxectivo é festexar e reivindicar a calidade e personalidade dos viños tintos do sur da provincia, a tradición vinícola do noso municipio e o poñer en valor o traballo das adegas e viticultores”.

Programa

A programación comezará o sábado 19 de xullo cunha andaina, na que o viño será o protagonista. A actividade comezará ás 18:00 horas, dende a Bodega Señorío de Rubiós, onde se realizará unha visita ás súas instalacións antes de comezar a ruta, que discurrirá polas furnas de Ribadeira, os muíños de Xuliana ou os petróglifos da Coutada, entre outras paisaxes. A andaina rematará na mesma bodega cunha degustación de tinto Rías Baixas e un picoteo. Para participar nesta actividade é necesaria inscrición previa teléfono no teléfono 674432468 ou por correo en comunicacion@asneves.gal. O prezo desta actividade será de 12€.

O luns 21 de xullo, ás 19:30 horas na Escola de Música de Rubiós, terá lugar unha charla titulada “A fertilidade do viñedo, influencia no rendemento produtivo e no equilibrio dos mostos en Rías Baixas”, que impartirá Juan Carlos Vázquez Abal, enxeñeiro técnico agrícola, enólogo e analista sensorial de viños, especialista en sanidade vexetal do viñedo.

O martes 22 de xullo, ás 19:00 horas, realizarase unha Cata a Cegas (cata popular) no Mercado Municipal. A actividade é gratuíta, pero é necesaria inscrición previa no teléfono 674432468 ou por correo a comunicacion@asneves.gal.

O xoves 24 de xullo abriráse a festa ás 19:00 horas con obradoiros infantís no Mercado Municipal. A música desta xornada correrá a cargo das “Pandereteiras de Vide” (20:00 horas), o grupo “Son das Tabernas” (22:30 horas) e o DJ “Pitty” (01:00 horas). A actividade enogastronómica do día será a Cea Maridaxe, que consistirá en degustar catro platos con catro viños tintos que maridan á perfección (salmorejo, tosta de requeixo e tomate confitado, paella e xeado de requeixo con tinto Rías Baixas). É necesaria inscrición previa no teléfono 674432468 ou por correo a comunicacion@asneves.gal.

A programación do 25 de xullo abrirase ás 11:00 horas coa recepción de Cofradías na asa do Concello. Antes de que chegue o turno do pregón, a banda de gaitas “Os Atrancalevadas” dinamizarán a mañá co seu pasarrúas. Ás 12:30 horas, o actor, guionista e monologuista Federico Pérez Rey será o encargado de dar o pregón para toda a veciñanza e visitantes. A mañá rematará o irmandamento do Tinto Rías Baixas co Tinto Sumius, ubicado na Rexión do Viño Verde, a maior e unha das máis antigas Denominacións de Orixe de Portugal.

Pola tarde, a partir das 17:00 horas haberá actividades acuáticas infantís e música para todos os gustos: ás 18:30 horas actuará a “Charanga A Sorcha”, ás 22:30 horas desfrutaremos coa actuación de Susana Seivane. Ás 23:30 horas terá lugar no aparcadoiro do colexio o festival “Requesound”, un evento dedicado á música DJ, que tivo a súa primeira edición o pasado verán nesta localidade, reunindo a algúns dos mellores djs do país. A organización desvelerá nas próximas semanas os nomes dos djs que formarán parte do cartel desta segunda edición.

Como novidade desta edición, a organización habilitará na carpa principal un punto de recollida de corchos, aberto tanto ás adegas participantes como ás persoas visitantes.
Ao remate da festa, os corchos recollidos serán intercambiados por camelias, que posteriormente se plantarán nas diferentes parroquias do municipio. Con esta iniciativa, o Concello de As Neves quere fomentar a reutilización e dar un paso máis na súa aposta pola sostibilidade, a beleza das contornas rurais e a promoción da camelia, unha flor de gran valor ornamental e simbólico na vila, na comarca e na provincia. “Queremos que cada botella compartida deixe tamén un rastro de vida e cor nas parroquias de As Neves”, sinalou o alcalde.

Publicacións Relacionadas