Home Pontevedra Pontevedra A xornalista Ana Marcos e a actriz Iria Pinheiro abren os Faladoiros...

A xornalista Ana Marcos e a actriz Iria Pinheiro abren os Faladoiros Feministas co tema: o acoso e abusos sexuais no eido audiovisual

0
2

A cita é o vindeiro mércores 5 de novembro, ás 19.30 horas, no vestíbulo da Casa da Luz, con acceso libre ata completar aforo

Marcos sacou a luz as acusacións de agresión sexual de tres mulleres contra o director de cine Carlos Vermut e a artista levou ao teatro a súa experiencia de denuncia por acoso ao director dun programa de TV e a violencia xudicial que sufriu

A xornalista Ana Marcos e a actriz Iria Pinheiro abren hoxe os Faladoiros Feministas, organizados ao abeiro da campaña municipal do 25-N (Día Internacional contra as violencias machistas) que promove a Concellería de Igualdade. E farano cunha conversa—coloquio sobre o acoso e abusos sexuais no mundo audiovisual, un temáticas que as dúas coñecen, desde perspectivas persoais e laborais diferentes.

Ana Marcos é xornalista de El País, e forma parte do equipo de investigación de abusos no cinema do xornal, xunto con Elena Reina e Gregorio Belinchón. Sacou a luz as acusacións de violencia sexual de tres mulleres contra o director de cine Carlos Vermut. E autora do libro “A mí no me ha pasado nada” Iria Pinheiro demandou no seu día ao director do programa de televisión no que traballaba por acoso sexual.

Unha sentenza, ditada cinco anos despois, non apreciou delito nos feitos denunciados. A súa experiencia e o que cualifica como violencia xudicial levouna ao teatro coa obra “Vitoria” Marcos e Pinheiro porán na palestra, conducida pola xornalista Laura Fresneda, cuestións como: a normalización das violencias de xénero no eido das artes e o audiovisual, o consentimento, as denuncias de acoso e agresión sexual (como dar o paso, as consecuencias, a contorna…), a revitimización ou a necesidade de poñer o foco nos agresores.

Xustamente a necesidade de virar o foco da violencia machista cara aos agresores, aos maltratadores, é o eixe da campaña municipal do 25-N do Concello de Pontevedra, que nos interpela cunha pregunta: E se deixamos de contar vítimas e contamos maltratadores? E convídanos a reflexionar cunha cifra: 12.976, o número maltratadores con sentenza firme en dez anos (2015-2024) de Galicia (datos do Observatorio contra a violencia doméstica e de xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial).

Os Faladoiros feministas terán continuidade coas seguintes citas:

  • Macarena Baena Garrido sobre violencias machistas e medios de comunicación. Mércores, 12 de novembro no vestíbulo da Casa da Luz, ás 19.30 h.
  • Mabel Lozano sobre explotación sexual. Inclúe a proxección do documental AVA. Luns, 17 de novembro no Teatro Principal, ás 19.30 h.
  • Claudia Morán Mato (Xornalistas Galegas) sobre violencias machistas nos medios de comunicación galegos. Xoves, 20 de novembro no vestíbulo da Casa da Luz ás 19.30 horas