Este novo equipamento completará a rede de centros para as persoas maiores que xa ten en funcionamento o Goberno galego nesta localidade: un centro de día, un fogar residencial e a residencia recentemente inaugurada polo presidente Alfonso Rueda
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, e o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, asinaron hoxe un convenio de colaboración para finalizar as obras da nova residencia de maiores e centro de día municipais que o concello está a construír en Carballedo. O delegado da Xunta de Galicia en Pontevedra, Agustín Reguera, tamén asistiu ao acto da firma deste acordo, que ten un importe de 134.000 euros.
Fabiola García sinalou que cando este novo centro entre en funcionamento porá a disposición das familias 59 prazas residenciais e outras 24 de atención diúrna. Ademais, destacou que completará a rede de recursos para as persoas maiores que xa ten a Xunta de Galicia en Cerdedo-Cotobade: un centro de día, un fogar residencial e a residencia inaugurada polo presidente Alfonso Rueda fai apenas dous anos.
A conselleira indicou que para o Executivo autonómico é importante seguir aumentando o número de prazas residenciais para as persoas maiores, pero que aínda o é máis garantir que poidan escoller como e onde queren vivir esta etapa das súas vidas. Neste sentido, puxo en valor recursos como o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), o Bono Coidado no Fogar, os centros de día ou as casas do maior.