Home O Condado As Neves A Xunta autoriza o inicio dos traballos para ampliar a superficie comercializable...

A Xunta autoriza o inicio dos traballos para ampliar a superficie comercializable da Plisan en 1 millóns de m2

- Anuncio -

— O futuro desenvolvemento do parque está previsto xa na modificación do Plan sectorial de ordenación de áreas empresarias de Galicia que se atopa en tramitación

— O Goberno galego anuncia que licitará de xeito inminente o contrato para a redacción do necesario proxecto de interese autonómico

— Outro dos acordos adoptados permitirá executar a segunda fase da depuradora para aumentar a súa capacidade, cun investimento previsto de máis de 1 millón de euros

A comisión de seguimento da Plataforma loxística e industrial de Salvaterra-As Neves (Plisan) autorizou esta mañá o inicio dos traballos técnicos necesarios para ampliar a superficie comercializable nesta área empresarial en ao redor de 1 millón de metros cadrados ante a previsión de que as parcelas dispoñibles a día de hoxe se esgoten proximamente.

Este foi un dos acordos principais que se adoptaron durante a reunión, na que participou por videoconferencia a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, en nome da Xunta, así como representantes da Autoridade Portuaria de Vigo e do Consorcio da Zona Franca, que son as tres entidades promotoras da Plisan.

Con esta autorización, poderase impulsar a ampliación da zona lucrativa da maior área empresarial do Noroeste do país, un desenvolvemento que xa está previsto na segunda modificación do Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia (PSOAEG) impulsada pola Xunta e actualmente en tramitación.

Segundo explicou a conselleira, visto o interese do tecido empresarial por implantarse na Plisan e ante a previsión de que vaia en aumento a medida que os adxudicatarios comecen a asentarse nela, considerouse oportuno e necesario desenvolver parte dos terreos contiguos co fin de garantir a posibilidade de atender a futura demanda.

O ámbito no que se proxecta o crecemento do parque abrangue unha superficie de ao redor de 1 millón de metros cadrados dos que se poderían obter uns 600.000 metros cadrados de novas parcelas lucrativas.

Deste xeito e unha vez se aprobe a revisión do PSOAEG, haberá que redactar un proxecto de interese autonómico e, de feito, o Goberno galego anunciou hoxe que licitará de xeito inminente o contrato para este cometido.

Así mesmo, outro dos acordos principais adoptados durante a comisión de seguimento foi autorizar a ampliación da capacidade da estación depuradora de augas residuais (EDAR) que dá servizo ao parque e cuxo desenvolvemento se preveu en diferentes fases, para acompasalo á urbanización dos diferentes ámbitos da Plisan.

Neste sentido, cómpre subliñar que polo momento só se construíu a primeira fase desta infraestrutura co fin de atender a demanda da zona loxístico-empresarial desenvolvida. Sen embargo, e tendo en conta que está prevista a chegada de moitas empresas ao parque que requirirán un aumento da demanda de auga e de depuración, autorizouse executar xa a obra que permitirá poñer en funcionamento a segunda fase, cun investimento previsto de máis de 1 millón de euros e que se sumará aos 4,31 millóns mobilizados ata o momento na construción, posta en marcha e explotación da EDAR.

Balance do solo adxudicado e parcelas dispoñibles
Por outra banda, tamén se aproveitou a reunión para facer un balance da superficie adxudicada na zona LE da Plisan. Así, desde o ano 2019 —cando se convocou a primeira poxa pública para comercializar os terreos dispoñibles— xa foron adxudicadas ou reservadas un total de 12 parcelas de case 214.000 metros cadrados e cun prezo global de adquisición de 11,23 millóns de euros.

As últimas empresas en facerse con terreos dentro deste ámbito foron a conserveira Frinsa e a empresa de augas Gainser, que o pasado 13 de abril asinaron as escrituras correspondentes a tres parcelas. Estas adxudicacións súmanse aos 68.180,67 m2 repartidos entre 5 parcelas que xa foran adxudicadas anteriormente á conserveira Albo e á empresa do sector tecnolóxico BETA Implants, pertencente ao grupo Arbinova.

Así mesmo, cómpre lembrar que o pasado mes de marzo tamén se anunciou a próxima adxudicación a Lonza Biologics Porriño S.L de 4 parcelas con case 102.000 m2, o que suporá a maior superficie de solo asignada ata o momento na Plisan.

Despois das últimas adxudicacións, a superficie dispoñible aínda na LE da Plisan suma máis de 137.000 m2 repartidos entre 33 parcelas, que se poden adquirir en compravenda ou en dereito de superficie, neste segundo caso, a cambio dun canon anual moi reducido.

De feito, cómpre lembrar que, tras a poxa pública convocada no ano 2021, abriuse un procedemento de adxudicación directa das parcelas que quedaran pendentes de asignar. O prazo para a presentación de ofertas vence o 30 de abril de forma que as empresas interesadas aínda están a tempo de optar a estes terreos nas mesmas condicións.

Relacionadas

O concello inagura as mostras do concurso ‘Talento Xove’ cunha exposición no Museo Municipal

0
• Máis de 300 mozos e mozas participaron neste certame multidisciplinar• Os premios, outorgados por un xurado profesional, entregaranse o próximo 18 de maio O...

Rueda aposta por unha “colaboración institucional sincera” para construír a Galicia do futuro...

0
— Defende crear un clima favorable para os proxectos empresariais e industrias, así como impulsar as enerxías verdes — Aposta polo rigor sinalando “que non...

A Xunta pon en valor o aval do Tribunal Constitucional á Lei do litoral...

0
― A sentencia do TC referenda as plenas competencias que ten a Comunidade para xestionar o seu litoral sen necesidade de reformar o Estatuto...

A Xunta defende a utilidade pública do deporte como fonte de saúde e benestar

0
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou esta tarde no III Foro Económico Español ‘A Galicia que vén’, celebrado na Coruña,...

Tomiño comezou a renovación de 2.000 luminarias públicas que suporán un aforro enerxético do...

0
O Concello investirá case un millón de euros nesta iniciativa, que forma parte dos proxectos financiados con fondos europeos que permitirán seguir transformando o...

Máis de 100 establecementos participan na ‘Primaveira de Portas Abertas’ nas Rutas dos Viños,...

0
— Participan 69 adegas, 13 restaurantes e 21 aloxamentos nos territorios vitivinícolas — Están programadas máis de 60 actividades como catas a cegas ou con...

Publicacións Relacionadas