Home Pontevedra A Xunta avanza para copletar este verán a humanización da Avenida de...

A Xunta avanza para copletar este verán a humanización da Avenida de Galicia no barrio de Teis, en Vigo

- Anuncio -

― A Administración autonómica está a actuar nun treito de 2 quilómetros para impulsar a mobilidade segura e sostible e que suporán un investimento de 6,6 millóns de euros


― A actuación inclúe a reposición de pavimentos dos itinerarios existentes e a execución de tres novas zonas de aparcadoiro que permitirán, unha vez finalizadas as obras, contar nesta zona con 273 prazas


― O obxectivo é crear unha contorna favorable para os desprazamentos persoais, accesible e con menor impacto ambiental

Os conselleiros de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, visitaron hoxe xunto coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, as obras de humanización que está a desenvolver a Xunta para impulsar a mobilidade sostible e segura neste concello. En concreto, estase a actuar nun treito de 1,56 quilómetros na estrada PO-323, na Avenida de Galicia, que vai desde o límite co concello de Redondela ata o IES de Teis, e que representa un investimento de 4,1 millóns de euros financiados con fondos Next Generation.

A actuación supón a segunda fase da humanización desta estrada PO-323, que permitirá completar a remodelación deste eixe vertebrador da parroquia de Teis tras a mellora realizada con anterioridade no treito de 500 metros que vai desde a Avenida da Mariña Española ao IES de Teis. Búscase así favorecer a mobilidade interna na cidade de Vigo de xeito seguro tanto para peóns como para condutores.

Nesta liña realizaranse conexións coa trama urbana de beiravías existentes e con itinerarios alternativos, como a senda da vía verde. A obra inclúe ademais a reposición de pavimentos dos itinerarios existentes e a execución de tres zonas novas de aparcadoiro para eliminar vehículos da zona de tránsito e crear unha contorna máis habitable, favorable para a mobilidade persoal, accesible e con menor impacto ambiental. Tras as obras disporase de 273 prazas de estacionamento, un 38% das existentes previamente.

O grao de execución do proxecto é de case o 50% e prevese que estea rematada no verán. Deste xeito, ao longo de 2025 estarán rematados os nove treitos das sendas que se están a executar nas contornas de Vigo, Pontevedra, Ourense e Santiago de Compostela.

Durante a visita, Diego Calvo, salientou a aposta da Xunta pola mobilidade sostible a través de diferentes medidas, entre as que figuran a construción de infraestruturas como a visitada hoxe, os aparcadoiros disuasorios ou a mellora da accesibilidade e da conectividade nas paradas de autobús. Só en 2025 investiranse máis de 17 millóns de euros nestas obras. A maiores, neste marco de acción, o Goberno galego activou unha liña de axudas para a adquisición de bicicletas eléctricas de pedaleo asistido a través do programa EBici e diversas bonificacións ao uso do transporte público, entre outras iniciativas.
Nesta liña, o conselleiro de Presidencia sinalou que a Xunta conta coa Estratexia Galega de Mobilidade como folla de ruta ata 2050 co obxectivo de favorecer a sostibilidade nos desprazamentos, apoiar a competitividade do territorio e transformar os patróns de mobilidade, para o que se deseñaron un cento de medidas que implican a todas as administracións e que representan un investimento superior aos 400 millóns de euros.
Pola súa banda, a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, lembrou que, xunto á humanización levada a cabo na anterior fase, o conxunto da intervención na PO-323 sumará un investimento de 6,6 millóns de euros “e cambiará radicalmente o aspecto desta vía autonómica de entrada á cidade”. “Estamos a humanizar espazos no marco da aposta por unha rede viaria máis cómoda, sostible e segura”, engadiu.
Recordou así mesmo outras intervencións nas estradas autonómicas co fin de incrementar a seguridade dos peóns, como a executada no viario Vigo-Vincios, nas zonas de Pereiró e Valadares, ou o proxecto que se vai desenvolver, cun investimento de 4 millóns de euros para mellorar o carril bici entre Vigo e Ramallosa (Nigrán) pola PO-325, que se enmarca no Plan de Sendas da Xunta. Ata agora, foron habilitados case 300km de itinerarios peonís e ciclistas e, coa segunda fase que vén de poñer en marcha, sumaranse outros 120km, cun investimento de 70 millóns de euros.

Relacionadas

Redondela presenta ao comercio local o plan para facer peonil o casco histórico

0
- A restrición do tráfico nas rúas Praza da Constitución, Telmo Bernárdez e Figueiral busca “mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas,...

Luis López salienta a inxección de 1M€ da Deputación para facer “máis sustentable, accesible...

0
O presidente provincial, acompañado polo alcalde e deputado Roberto Carrero, visita as obras de reforma integral que se están a executar no Bloque I...

O BNG de Vigo afea a impostura do PP coa nova A-52: “Din rexeitala...

0
A fronte nacionalista pide aos populares que “deixen de xogar á confusión” coa ampliación da autovía, lembrando que non se opuxeron á aprobación provisional...

O Concello de Mos optará a unha liña de crédito da Xunta para acometer...

0
A Comunidade de Propietarios desta urbanización privada reembolsaría a posteriori, en diversas cuotas, a inversión realizada, para así liquidar o préstamo A alcaldesa de Mos,...

O PP profunda no aumento das cifras de criminalidade en Pontevedra e relaciónao coa...

0
• Pardo solicita a activación do Consello Local de Seguridade para que “se adopten medidas urxentes para reverter o incremento de delitos”, ao mesmo...

Galicia rexistra en 2025 o terceiro mes de xaneiro máis cálido dos últimos sesenta...

0
— O avance do informe mensual de MeteoGalicia indica que a temperatura media para este mes foi de 9,8 graos, polo que se considera...

Publicacións Relacionadas