O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, anunciou esta mañá que a Xunta e o Concello asinarán un convenio de colaboración para garantir a posta en marcha da infraestrutura cultural
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou esta mañá en Marín que o Goberno galego axudará a financiar o auditorio municipal a través dun convenio de colaboración económica para garantir a súa materialización co obxectivo, segundo indicou, de dotar ao concello dunha infraestrutura acorde á demanda cultural.
Despois da entrega do proxecto por parte do Concello, e unha vez que se conte co proxecto definitivo, Xunta e Concello traballarán neste acordo para financiar o auditorio.
Alfonso Rueda tamén visitou hoxe acompañado da delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, e da alcaldesa María Ramallo outras das actuacións levadas a cabo en colaboración entre a Xunta e o municipio e destinadas a mellorar o alumeado público de varias zonas do concello e que supuxeron un investimento por parte do Goberno galego de máis de 66.200 euros.
Por unha parte, comprobou a renovación do alumeado público exterior de Mogor, na que a
Administración autonómica colaborou a través da Orde de Infraestruturas de uso público,
destinada a crear mellorar ou reformar infraestruturas básicas dos servizos municipais. Esta
liña de axudas contou na última convocatoria cun orzamento de catro millóns de euros, un
millóns máis que o exercicio anterior.
Ademais, a Xunta apoiou a mellora do alumeado público na zona de San Pedro, no marco
do Fondo de Compensación Ambiental, que en 2020 contou cun investimento de 12,5
millóns de euros.
O vicepresidente primeiro da Xunta destacou a importancia da colaboración cos concellos
para que poidan executar proxectos “cos que dar resposta ás demandas dos municipios, que
son os que mellor coñecen onde poden ter máis impacto e beneficiar á cidadanía”.