• A Rede dá emprego a dez persoas con discapacidade intelectual
Esta mañá, o alcalde da Guarda, Roberto Carrero e os concelleiros, Óscar Alonso e Isidro Lomba, acompañaron á directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño á cafetería A Rede, na Estación Marítima.
Nesta visita púxose en valor este proxecto do centro especial de emprego de San Xerome Emiliani e deuse a coñecer en máis profundidade. As 10 persoas que traballan na cafetería rotan en quendas de mañá e tarde para ofrecer o mellor servizo.
Pola mañá, destacan os seus almorzos, pensados tamén para os peregrinos que chegan a diario de Portugal; e pola tarde destacan as súas elaboracións e agora, co inverno, o chocolate.
Todos os participantes no proxecto destacaron a unión de grupo “como unha segunda familia”, e como se apoian nos días malos. Ademais, algúns descubriron a súa vocación pola hostalaría e todos comparten a súa ledicia por ter unha oportunidade laboral coma esta.
A través da formación búscase que as persoas con discapacidade intelectual poidan obter un certificado de profesionalidade para exercer un oficio e facilitar a súa incorporación ao mercado laboral ordinario.



