A Xunta e o Concello acordan solicitar ao permiso de Fomento para iniciar a tramitación da construción da variante de Alba

adminON
Lectura mínima de 4

O alcalde recibiu esta mañá na Alcaldía á nova conselleira de Infraestruturas, María Martínez Allegue, que  asinou no libro de honra da cidade.  

Ademais de desbloquear a construción da Variante de Alba, tamén confirmaron a colaboracón para que  Infraestruturas abandone a Xunqueira de Alba e propoña a construción de máis vivendas sociais na cidade. 

O alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores mantivo esta mañá unha reunión no Concello coa  nova conselleira de Infraestruturas e vivenda, María Martínez Allegue para abordar os asuntos que o  departamento autonómico ten en Pontevedra, en especial a Variante de Alba. Nesta visita institucional na que  a conselleira asinou no libro de honra da cidade, conseguiuse desbloquear esta vía, estudada e reclamada  durante anos por parte do Concello de Pontevedra.  

O alcalde dixo estar « moi contento » e recoñeceu que « levo moito tempo esperando que a Xunta de Galicia  decida facer esa variante de Alba, que consideramos que é unha obra necesaria para a cidade, que non  separa parroquias, senón que une parroquias ».  

A petición que fai a Consellería é que o Concello lle entregue por escrito a autorización do Ministerio de  Fomento de entronque desta variante coa N-550, á altura da Ferreira, na parroquia de Lérez. A partir dese  momento comezará a tramitación dende cero: avaliación de impacto ambiental, informe de trazado,  aprobación do trazado…  

O alcalde explicou que existe ese compromiso por parte do Ministerio de Fomento pero é verbal « e é o  único sitio onde deixa conectar », aclaraba « pero temos que telo por escrito para que eles comecen a  tramitación ».  

Outro asunto da reunión foi a entrega ao Concello de Pontevedra da parcela do Parque de maquinaria da  Consellería na Xunqueira da Gándara. Infraestruturas quedou de facer unha valoración económica do  traslado e logo buscar alternativas nas que tamén colaboraría o Concello.  

O terceiro dos grandes asuntos abordados foi a construción de vivenda protexida en Pontevedra onde se  chegou ao acordo de -ademais dos sete terreos que o Concello puxo a disposición da Xunta-, colaborar na  creación de máis vivenda social na cidade tanto en terreos urbanos, como urbanizables como unidades  urbanísticas para desenvolver.  

« A única condición que poñemos é que estea non máis de un quilómetro e medio da Peregrina, no sentido  de manter esa idea de cidade compacta de multiservizos. E aí hai distintas alternativas, desde unidades de  actuación que están pendentes de desenvolver, até terreos en solo urbano consolidado ou non consolidado,  até terreos urbanizables, incluso hai terreos rústicos que cumprirían esa condición », explicaba Miguel Anxo  Fernández Lores.  

Ademais, se a tramitación vai acompañada á declaración de proxecto de infraestruturas de interese  autonómico « estaría exento de taxa municipal e de imposto de construción porque xa o permite a lei así e  facilitaría as cousas, igual que se fixo en Montecelo », explicou Lores, quen concluíu que « benvidas sexan  todas as vivendas sociais ».

Comparte este artigo