HomeO MorrazoMoañaA Xunta implantará en Moaña a primeira oficina de Xustiza no municipio...

A Xunta implantará en Moaña a primeira oficina de Xustiza no municipio da comunidade galega

- Anuncio -spot_img
  • O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, visitou as instalacións, que desenvolverán todas as novas funcións establecidas na Lei de Eficiencia Xudicial e contarán con sistema de videoconferencia e ferramentas para a tramitación electrónica
  • O obxectivo é garantirlle á veciñanza unha atención máis próxima e evitarlle desprazamentos para a participación en actos procesuais

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, visitou hoxe en Moaña as instalacións que acollerán a primeira Oficina de Xustiza no Municipio na comunidade galega e que desenvolverán de xeito piloto todas as funcións establecidas na nova Lei de Eficiencia Xudicial. A iniciativa enmárcase na aposta da Xunta de ofrecer unha xustiza máis próxima e de dispoñer de servizos en todo o territorio, con independencia do lugar de residencia.

As novas oficinas de xustiza no municipio, ata o de agora xulgados de paz, son as que máis novidades representan coa reforma estatal. Configúranse como a porta de acceso á Administración de Xustiza, xa que amplían os servizos cun maior catálogo de xestións. Así, as instalacións contarán cun sistema de videoconferencia para poder prestar o servizo de participación remota nos actos procesuais.

Activaranse tamén as ferramentas tecnolóxicas para o intercambio tanto de documentos xudiciais de forma electrónica como da sinatura dixital. Ademais, todas as oficinas disporán dun espazo na Intranet coa información e os formularios precisos para realizar os distintos trámites e cun novo enderezo electrónico específico para as súas comunicacións.

O obxectivo é ofrecerlle novos e mellores servizos á veciñanza dos concellos menos poboados, así como unha atención máis próxima e axeitada. Trátase de evitar que estas persoas teñan que desprazarse ás capitais para realizar xestións presenciais, dotando estas instalacións cos medios tecnolóxicos necesarios para a práctica de actos procesuais a distancia. Deste xeito, estas oficinas, centradas na prestación dun servizo á Administración de Xustiza, amplían a súa actividade ao resto das administracións públicas.

Coordinación coas oficinas xudiciais

As 268 oficinas de xustiza dos municipios que se implantarán en Galicia actuarán de maneira coordinada coas oficinas xudiciais, postas en marcha desde o 1 de xullo en 38 partidos xudiciais dos 45 existentes en Galicia, seguindo os prazos establecidos polo Goberno central para a fase I da aplicación da lei. No caso de Moaña, a coordinación será coa oficina xudicial de Cangas, que conta xa tamén coas dotacións tecnolóxicas precisas para a adecuada práctica dos actos de comunicación. A Xunta avanza agora na implantación da fase III, correspondente ás sete grandes cidades, coa reorganización do persoal e a adaptación das ferramentas tecnolóxicas e dos espazos.

Publicacións Relacionadas