O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a relación de ciclos onde se poderá solicitar praza a partir do 25 de xuño
Un ciclo poderán cursarse por primeira vez na provincia: o medio en Guía no medio natural e de tempo libre
Pártese dun proceso de diálogo coa comunidade educativa na que se analizou a demanda do alumnado, a inserción laboral e as necesidades do tecido produtivo
A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a oferta de ciclos de Formación Profesional nos réximes ordinario e modular para persoas adultas –presencial e a distancia– para o curso 2021/2022, que recolle 12 ciclos e 346 prazas novas na provincia de Pontevedra.
Deles, un é un ciclo de nova implantación, é dicir, que se oferta por primeira vez en Galicia e na provincia: o de grao medio en Guía no medio natural e de tempo libre. O alumnado poderá cursalo na provincia nos institutos de Poio, Plurilingüe Pintor Colmeiro (Silleda)e Plurilingüe Terra de Turonio (Gondomar)
Deste xeito, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade oferta nos réximes ordinario e modular para adultos nos centros públicos da provincia de Pontevedra 9.683 prazas en primeiro curso en centros públicos (en números moi similares ao curso anterior), en 380 ciclos e programas formativos autorizados. Delas, 7.044 forman parte do réxime ordinario –2.727 en grao medio, 3.003 en grao superior, 1.134 en FP Básica e 180 en programas formativos para persoas con necesidades específicas de atención educativa–, mentres que outras 1.689 son do réxime modular para persoas adultas –738 grao medio e 951 en grao superior–, e 950 do réxime modular a distancia –200 en grao medio e 750 en grao superior–.
A modificación da oferta nace dun proceso de diálogo coa comunidade educativa, no que as peticións foron analizadas pola Inspección educativa dos centros, tendo en conta a oferta global de Galicia en cada ciclo, a demanda do alumnado, a inserción de cada ciclo e as necesidades do tecido produtivo.
Modificacións
Ademais das titulacións de nova implantación, como é habitual a oferta de FP flutúa para adaptarse ás necesidades do tecido produtivo e ás características da poboación de cada zona, o que supón unha oportunidade laboral para os titulados. Deste xeito, o novo mapa contempla cambios en diferentes centros, a maiores das novas incorporacións en materia de FP Dual.



