- As actuacións incidirán nun tramo de 23 quilómetros do río Umia e nos 15 quilómetros do río Gallo contribuíndo a mellorar o comportamento da zona ante episodios de inundacións por intensas choivas
- O proxecto prevé tanto o plantado de especies como carballos, loureiros, freixos, castiñeiros e frondoso como o derrubamento de infraestruturas obsoletas que obstaculizan o libre discorrer das augas pola canle fluvial
- Ángeles Vázquez pon en valor que labores deste tipo minimizan o impacto das enchentes e permiten consolidar os bosques de ribeira que actúan como corredores verdes e áreas de refuxio para a fauna cun importante beneficio social e ambiental
A Xunta, a través de Augas de Galicia, está a realizar traballos de restauración fluvial na bacía do río Umia -nos concellos de Cuntis, Moraña e Forcarei- para mellorar o comportamento da zona ante posibles inundacións. Estas actuacións, previstas ata o primeiro semestre de 2026, contan cun investimento de arredor de 2 millóns de euros e inclúen a previsión de plantar preto de 7.000 árbores de distintas especies.
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou hoxe a zona alta do río Gallo, en Cuntis, onde detallou que os labores de restauración incidirán nas dúas marxes dun tramo de 23 quilómetros do río Umia -que afecta aos concellos de Cuntis, Moraña e Forcarei- e a toda a extensión do Gallo (Cuntis), de 15 quilómetros.
Os traballos previstos inclúen a retirada de árbores caídas e de biomasa acumulada nas canles que obstaculizan a libre circulación da auga -xusto o que se está a facer agora mesmo no río Gallo-, a retirada de residuos alleos ao ecosistema, a recuperación de zonas degradadas mediante a realización de tratamentos silvícolas, a eliminación de especies exóticas invasoras e o plantado de preto de 7.000 árbores de especies autóctonas. Entre elas están carballos, loureiros, freixos, castiñeiros e frondosas.
A maiores procederase ao derrubamento de infraestruturas obsoletas e á recuperación e protección de zonas de ribeira mediante técnicas de bioenxeñería, intervencións que axudarán tamén a facilitar o libre discorrer das augas.
A responsable autonómica salientou que estas actuacións contribuirán a mellorar a calidade do chan e a mellorar a composición do terreo nas contornas fluviais incrementando a retención de auga e laminando os efectos de posibles crecementos no caudal así como reducindo a velocidade dos posibles torrentes. En definitiva, engadiu, faranse labores de protección, recuperación, revexetación e limpezas precisas -dentro da propia canle e na zona de servidume- co obxectivo de crear un bosque de ribeira consolidado nas marxes de ambos ríos.
Estas zonas arboradas terán un papel fundamental para mitigar o impacto de posibles desbordamentos ante intensas precipitacións pois o río Gallo está declarado como área de risco potencial e significativo de inundación (Arpsi). De feito, a Xunta xa está a abordar co Concello a posibilidade de desenvolver outro proxecto na zona para facer fronte a eses riscos de inundación con medidas entre as que se inclúe a creación dunha zona de inundación controlada.
Corredores verdes
Ángeles Vázquez incidiu tamén en que plantar vexetación de ribeira na contorna dos ríos, ademais de amortecer os danos causados polas enchentes, permite a creación de corredores verdes e zonas refuxio para a fauna, achegando importantes beneficios sociais e ambientais para os ecosistemas fluviais e as comunidades próximas.
Estas actuacións nos ríos Umia e Gallo dan continuidade ás executadas nos últimos exercicios ao abeiro do plan autonómico de conservación dos ríos da demarcación Galicia-Costa, un esforzo que a Xunta vai reforzar nos vindeiros anos. De feito, a planificación deste ano conta cun orzamento de 2,7 millóns de euros para a retirada de árbores caídas nas canles fluviais, a limpeza das marxes, o control de especies exóticas invasoras e na eliminación de obstáculos que impidan o discorrer libre das augas, uns traballos que incidirán en arredor de 550 quilómetros de canles fluviais.