- Ambos centros, xunto co de Sende, no concello ouresán de Lobeira, forman parte do proxecto Fixar para atraer nómades dixitais, unha iniciativa que o Executivo galego está a impulsar coa colaboración da Asociación Cultural Sende
- José González pon en valor que tras o éxito da iniciativa piloto, desenvolvida en 2024 e na que participaron 60 emprendedores, o Goberno autonómico botará a andar unha nova edición do programa este ano
- Como novidade, profundizarase en determinar potenciais negocios necesarios no ámbito comarcal e avanzarase no aproveitamento de sinerxías locais e coa propia Rede de Polos despregada por toda Galicia, que conta actualmente con 15 oficinas
- Trátase dunha das múltiples medidas encadradas na estratexia global de emprendemento impulsada pola Xunta e á que se destinarán máis de 32 millóns de euros neste exercicio, con foco na vinculación co territorio
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, visitou hoxe os espazos coliving de Anceu, situado no concello pontevedrés de Ponte Caldelas —en cuxa visita tamén participou o alcalde do municipio, Andrés Díaz—, e iSlow, ubicado no municipio de Laxe (A Coruña) e á que asistiu, pola súa banda, o rexidor do devandito concello, Francisco Charlín. Ambos centros, xunto co de Sende (Lobeira, Ourense), forman parte do proxecto Fixar, unha iniciativa pioneira para atraer nómades dixitais e fixar poboación no rural que a Xunta está a impulsar coa colaboración da Asociación Cultural Sende.
José González destacou que o modelo dos colivings está demostrando ser unha fórmula de éxito tanto para reter como para atraer emprendedores á nosa Comunidade, que atopan no rural e na Galicia non urbana un lugar idóneo para desenvolver o seu proxecto laboral e de vida, impactando nas súas contornas e impulsando así as vilas e comarcas. Por iso, sinalou, visitas como as de hoxe contribúen a afondar no seu coñecemento e difusión co gallo de potencialos no resto do territorio galego para facer fronte a retos como o demográfico ou a remuda xeracional.
Asemade, o titular de Emprego puxo en valor que tras o éxito da experiencia piloto de Fixar —desenvolvida en 2024 e na que participaron 60 emprendedores— a Xunta continuará avanzando e reforzando esta iniciativa en 2025, co obxectivo de poñer en marcha a súa segunda edición. Trátase dunha das múltiples medidas, incidiu, encadradas na estratexia global de emprendemento que impulsada polo Goberno galego e á que se destinarán máis de 32 millóns de euros neste exercicio, con especial foco no emprendemento ligado ao territorio.
Ademais, avanzou que como novidade da nova edición, se profundizará en determinar potenciais negocios necesarios no ámbito comarcal, cuxa posta en marcha poida ser beneficiosa para a persoa emprendedora e para a contorna, explorando as sinerxías locais e coa propia Rede de Polos despregada por toda Galicia, que conta actualmente con 15 oficinas activas. José González lembrou que iniciativas como esta fixeron a Galicia merecedora do galardón como Rexión Emprendedora Europea 2025 polo labor á hora de potenciar proxectos que contribúan a fixar poboación nas catro provincias.
Proxecto Fixar
A través do proxecto Fixar, o Executivo autonómico busca reter e atraer o talento de emprendedores e novos perfís profesionais co obxectivo de que atopen no rural unha oportunidade para convivir e traballar, así como para seguir creando sinerxías que revirtan finalmente en beneficios para toda a Comunidade e para o territorio no que se asentan, aproveitando as posibilidades que hoxe ofrecen as tecnoloxías e a mobilidade laboral.
Neste marco, en 2024 desenvolveuse o piloto da iniciativa, a primeira actuación destas características promovida pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración xunto con Sende, entidade que xestiona no concello ourensán de Lobeira o primeiro espazo coliving rural de Europa e que conta con ampla experiencia neste ámbito.
Ao abeiro deste convenio, participaron un total de 60 persoas emprendedoras de diferentes perfís —emprendedores sociais, ilustradores, deseñadores, programadores, artistas…— que tiveron a oportunidade de realizar diferentes estadías nos coliving de Sende, Anceu e Islow. Ademais, recibiron orientación e formación en áreas como a xestión de proxectos, estratexias de emprendemento e networking e ferramentas para desenvolver os seus negocios e iniciativas desde a contorna rural. Isto permitiulles captar novos clientes, ampliar as súas redes de contactos e mellorar a súa estratexia empresarial. Así mesmo, a iniciativa permitiu consolidar unha comunidade activa que segue medrando tanto de xeito online como a través de eventos presenciais, coa celebración das denominadas Xuntanzas Fixar. Tamén se creou un mapa para identificar e estudar os proxectos participantes, co obxectivo de que sexa unha ferramenta de investigación e conexión de oportunidades no territorio ao abeiro dos mesmos.