- O proxecto conta cun orzamento de preto de 1,3M€ e permitirá crear un itinerario seguro e continuo para peóns na PO-352
Onte o alcalde da Guarda, Roberto Carrero, xunto co delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, anunciaron a licitación da nova senda peonil de Camposancos, avanzando nunha demanda histórica da veciñanza.
A nova senda peonil entre A Guarda e Camposancos conta cun investimento de preto de 1,3 millóns de euros, que permitirá mellorar a seguridade viaria na estrada PO-352. O obxectivo é facilitar a mobilidade neste treito onde non existe espazo adecuado para o tránsito de peóns, o que provoca inseguridade.
A senda percorrerá a marxe dereita da estrada cun ancho tipo de dous metros e para a cal se construirán 11 muros de contención para adaptar o terreo. A senda facilitará o acceso a pé entre o núcleo urbano da Guarda e Camposancos, así como o acceso a praias ou ao cemiterio.
Ademais, trátase dun tramo con gran afluencia de persoas que fan exercicio, tanto a pé como en bicicleta, aproveitando a paisaxe que ofrece esta estrada ao redor do Monte Santa Trega.
O alcalde da Guarda, Roberto Carrero, asegura que “esta é unha demanda histórica do pobo de Camposancos e de toda A Guarda, pois tras vinte anos de promesas, somos nós quen fomos capaces de poñer esta obra como prioridade á Xunta e agora estamos vendo avances de verdade”.
O prazo de presentación de ofertas remata o 13 de abril e a prazo de execución de obras será de 8 meses, prevendo o seu inicio antes de finais deste mesmo verán.
Esta actuación está financiada pola Xunta de Galicia e enmárcase dentro do Plan de Sendas da Xunta de Galicia, incluída na Estratexia de Mobilidade e conta co cofinanciamento dos fondos FEDER 2021/2027 da Unión Europea.



