HomePontevedraDezaA Xunta organiza en Lalín un obradoiro complementario á análise sensorial dos...

A Xunta organiza en Lalín un obradoiro complementario á análise sensorial dos queixos galegos con Denominación de Orixe Protexida

- Anuncio -spot_img

O curso terá lugar do 12 ao 14 de setembro no local de Queixos Hoxe da vila pontevedresa

A Oficina Agraria Comarcal de Lalín, dependente da Consellería do Medio Rural, ten previsto celebrar unha acción de formación profesional e adquisición de competencias complementaria á análise sensorial dos queixos galegos con denominación de orixe protexida. O obradoiro impartirase no local de Queixos Hoxe desta vila pontevedresa do 12 ao 14 de setembro, cun horario de tarde dende as 16:00 horas ata as 21:00 horas.

O programa deste curso continúa o impartido o ano pasado no obradoiro de iniciación á análise sensorial dos queixos galegos con denominación de orixe protexida, e trata unha serie de aspectos sobre as cualidades e características destes produtos. Tamén inclúe nocións relativas á identificación e recoñecemento dos sabores básicos destes produtos, así como os seus posibles defectos, concluíndo a acción formativa cunha cata de queixos para poñer en práctica o aprendido estes dous anos.

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2022, pretende neste caso profundizar no coñecemento do queixo e nas características propias, dende a perspectiva do relativo aos seus sabores e aromas. Isto baséase no interese constatado do sector de seguir mellorando as ferramentas de diferenciación e diversificación de produtos baseados na análise sensorial, sempre centrándonos nos queixos galegos con denominación de orixe protexida.

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2022 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina pode atoparse o referido curso e facer a pre-inscrición en liña cubrindo os datos necesarios. O coordinador poñerase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolle se está ou non admitido. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 886 159 476, ou enviarse un correo a juan.antonio.ortega.martinez@xunta.gal.

Publicacións Relacionadas